Mallando no Android

É moi habitual que no mundo da tecnoloxía e das telecomunicacións os avanzos veñan ligados ao desenvolvemento militar. Neste senso, durante a Segunda Guerra Mundial xurdiu a necesidade de ter comunicacións móbiles, polo que Motorola púxose mans á obra, sacando o Handie Talkie H12-16 e pondo así o primeiro chanzo na evolución da telefonía celular.
Pero non sería até arredor do ano 1985 cando comezou a xurdir a idea da telefonía móbil como un sistema revolucionario de comunicacións orientado ao uso non militar. O éxito desta tecnoloxía fixo que en pouco tempo a evolución fose tal que hoxe en día no mundo desenrolado é raro atopar con alguén que non dispoña dun trebello de telefonía móbil.
Os avanzos neste eido son ben notorios e pasamos de ter os famosos maletíns-móbil a minúsculos aparellos, e dun obxeto co que só podíamos chamar a outros nos que temos acceso completo a Internet.
Do mesmo xeito, os sistemas operativos dos terminais móbiles avanzaron en todo este tempo, facendo que os nosos trebellos sexan cada vez máis e máis personalizábeis, ao admitir a creación e instalación de aplicacións. Os sistemas máis coñecidos son Symbiam OS, BlackBerry, Windows Mobile, iPhone OS, Android e Palm webOS.
Comezaremos dende hoxe unha sección coa que iremos analizando o sistema operativo Android e dando consellos para un uso máis eficiente dos nosos terminais, alén de explorar as capacidades e recomendar aplicacións. Todo ilo co xeito de ser de Mallando na e-ira, e en galego, of course. As razóns pola que escollemos este sistema operativo son que está baseado en Linux e que ten unha excelente adaptabilidade.
Non dubidedes en aportar as vosas suxerencias para ter nas nosas análises.

About The Author

Reply