Todo o que tes que saber da Google TV

Comezamos esta semana cunha entrada un tanto diferente. E é que se os rumores resultan certos, este mércores 29 de setembro asistiremos ao lanzamento comercial da Google TV, a nova plataforma chamada a revolucionar a televisión tal e como a coñecemos. Pero, vaiamos por partes.
Que é a Google TV.
Cando Google lanzou o Nexus One popularizou o “Web meets Phone”. Coa televisión quere acadar o “Web meets TV” e, por que non, o “TV meets Web”. Entón, a Google TV é unha televisión con Internet? Si, pero máis ca iso.
Antes de seguir, cómpre sinalar que atoparemos a Google TV de dous xeitos diferentes no mercado: dunha banda televisiores con este servizo incluído de xeito nativo, mais tamén aparellos externos (ao estilo dos nosos receptores TDT), para que non teñamos que mudar de aparello de televisión. Dun xeito ou doutro, o pack incluirá tamén un teclado para poder traballar introducindo texto.
A Google TV combina televisión, gravación dixital e Internet e leva por sistema operativo Android 2.1. Entre as súas principais vantaxes están as que seguen:
  • Barra de busca Android. Permite que se se busca un determinado contido, por exemplo ‘Pekín Express’, amosará non só os posíbeis vídeos que haxa dispoñíbeis en plataformas coma YouTube, senón tamén as webs ou blogues que falen do tema e a grella televisiva. Ademais, se nese momento estase emitindo, cambiará de canle automaticamente.
  • Vídeo online: leva implementada Flash 10.1, o que implica acceso a calquera portal de vídeos online.
  • Navegación por Internet con TV superposta. Isto permítenos estar vendo algo (espectáctulo, partido…) á vez que navegamos por Internet, consultamos resultados ou comentamos en directo o evento.
  • Reprodución de galerías de imaxes en Internet, con acceso especial a Picassa.
  • Navegador Google Chrome.
  • Total control do aparello dende o noso móbil Android.
  • E acceso aos milleiros de aplicacións dispoñíbeis no Android Market.
Quen fabrica a Google TV?
De momento a alianza é de Sony, Logitech, Intel e Dish Network .
Sony asegura que será a primeira marca en ofrecer unha HDTV incluíndo Google TV, e amosa este interesante vídeo explicativo:
Cando.
Dise que este mércores 29 de setembro estará dispoñíbel nos E.U.A. Para que chegue a Europa teremos que agardar a comezos do vindeiro ano.
Máis info.

Sobre o autor

Reply