Probamos a fondo o LG 2X

Estes días tivemos a oportunidade de disfrutar dun dos terminais máis potentes do mercado. Falamos do Optimus 2X, unha creación de LG que coñecimos no Mobile World Congress e redescubrimos hai apenas un mes en Madrid.

Trátase do primeiro terminal con dobre núcleo (feito polo cal conseguiu un premio Guinness), que lle otorga unha fluidez impresionante ao facer uso da multitarefa ou de aplicacións e/ou xogos que precisan de moitos recursos, como Google Earth ou semellantes.
Aspecto
Cunhas dimensións de 123,9 x 63,2 x 10,9 mm e un peso de 136 gramos, o 2X malia ser grande resulta moi manexábel e cómodo. A súa pantalla é de 4 polgadas, que se integra perfectamente cos 4 botóns típicos de Android de xeito que parece unha mera continuación da mesma. A parte plástica traseira fica presidida por unha tira metálica que lle dá un aspecto moi profesional, así como un pequeno relieve á altura da cámara traseira.

Cámaras
Como xa vai sendo habitual, o 2X incorpora dobre cámara, a traseira de 8 MP, coa que conseguimos sacar fotos de moi boa calidade. Iso si, debemos ter en conta que sacar fotos a 8 MP implica que estas ocuparán bastante, arredor de 4 MB. Este detalle é obviábel á hora de sacar fotos para pasar ao computador, mais deberíamos telo en conta se acostumamos a compartir fotos, por exemplo en Twitter, e temos unha tarifa limitada en datos. Neste caso é recomendábel reducir a calidade das mesmas.

Mostra de imaxe tomada co LG 2X. Para vela en tamaño orixinal ir aquí.
Incorpora flash LED e tamén a posibilidade de gravación de vídeo en full HD. En canto á cámara dianteira trátase dunha normaliña, de 1,3 MP, suficiente para o uso que se lle presupón: videochamada.
Sistema operativo e usabilidade
O 2X vén con Froyo, aspecto que pode que chame a atención cando xa está dispoñíbel Gingerbread, pero non hai que preocuparse porque LG xa ten prevista a actualización para outono. Pero ademais o terminal conta cunha capa personalizada de LG que lle otorga funcionalidades extra, algunhas delas moi coidadas, como os botóns de activación de WiFi, silencio, GPS e Bluetooth ou o control da música dende a propia barra de notificacións.

Xogos Tegra Zone

Comentabamos ao comezo que o aspecto máis destacábel deste terminal é o procesador de dobre núcleo, un Nvidia Tegra 2. E onde podemos sacar o maior rendemento a toda esta potencia concentrada? Pois nos vídeoxogos. Por iso dispomos de acceso á Tegra Zone para baixar unha chea deles agrupados por categorías e cuxos prezos andan arredor dos 5 ou 8 €. Iso si, é raro atopar algún gratuíto.
Conectividade
Entre as conexións destaca o porto HDMI para poder enchufalo na televisión e compartir o multimedia que teñamos no noso teléfono ou xogar empregando unha pantalla máis grande (aínda). Polo demais, o típico jack 3.5 para o audio e o conector microUSB, que serve de porto de datos e cargador.
É compatíbel con WiFi, e todo tipo de redes móbiles españolas.

Prezo
O LG véndese polo de agora en exclusiva con Vodafone dende os 0 €. Podedes ver aquí a táboa completa de prezos.
Conclusións
Realmente foi un terminal que me gustou moito e me resultou interesante. Ao comezo parecíame que a pantalla era un tanto grande, pero cando ves as posibilidades que isto supón para poder disfrutar da lectura e, sobre todo, do multimedia, a cousa cambiou.
En canto á potencia dicir que LG fixo un gran traballo de control da mesma, é dicir, non supón un cambio na duración da batería (de 1500 mAh) con respecto a outros terminais inferiores, falamos de unha xornada completa asegurada con uso moi intensivo.
Para quen é este móbil? Pois eu o recomendaría para xogóns, para persoas que queiran ter no seu smartphone un complemento de ocio e queiran así mesmo unha ferramenta que non se lles colgue, que dé de si cando se lle pide rapidez.
Creo, xa para rematar, que LG fixo un gran traballo con este terminal e recoméndoo sen ningunha dúbida.

Sobre o autor

Reply