Google +: Probámola, convidamos, damos truco para convidar e informamos de nova versión da aplicación

Onte por fin puidemos probar a nova rede social de Google en primeira persoa, da que xa vos estivemos falando (aquí e aquí), así como tamén repartir máis de 50 convites entre as e os seguidores a través de Twitter [se non estades na rede e queredes entrar, dicídenos o voso correo nun privado ou enviando un correo a android(at)mallando(dot)com, (at) = @ e (dot) = .].
Círculos e truco para convidar amigos (sen ter convites directos)
Sen dúbida o dos círculos é unha das características máis destacables da rede e o certo é que o seu funcionamento é tan sinxelo como se amosaba nos vídeos que nos presentaron: seleccionar contactos, arrastralos a un círculo creado (ou á área de creación de novos círculos) e soltar. Así de sinxelo. 
Ter unha boa organización dos círculos, nos que podemos ter amigos en varios deles á vez, permítenos compartir o contido que queiramos e, sobre todo, con quen queramos, de xeito eficaz. Se compartes fotos cos teus “Amigos da Universidade” só o verán eles, se compartes con “Amigos da Universidade” e “outros coñecidos” recibirán ambos grupos, étc. Obvio, non?
Doutra banda, os círculos tamén permiten un truco para convidar. E é que se agregamos a un dos nosos círculos contactos que aínda non están na rede social, e logo compartimos algo con ese círculo, o que non está na rede recibirá unha ligazón para poder velo, e así poderá rexistrarse.
Imaxinade, engadimos a A e B, que xa teñen Google+, e a C, que aínda non, ao noso círculo “Amigos”. Logo imos a actualizar o noso estado e poñemos “Ola xente!” compartido con ese círculo. O usuario C recibirá o correo coa ligazón.
Este truco funciona alternativamente. É dicir, hai momentos en que non se recibe a ligazón, momentos en que se recibe e non funciona e momentos nos que funciona, polo que non desesperedes. Se recibides o correo co enlace dalgún contacto para unirvos, e non vos funciona, probade máis adiante.
Hangouts (quedadas).
Paréceme enormemente interesante o das multiconferencias grupais. Estivemos probando entre a xente que facemos este blogue, en total 5 (bueno, 4 +1/2, que un non tiña cámara xD) e a verdade é que foi bastante ben.
De todos só 2 usaban voz (ao resto non nos funcionaban os micros, detalles de configuración de Ubuntu) e segundo quen falase dos dous, o seu vídeo aparecía en posición destacada (arriba). A un non lle funcionaba ben o vídeo (unha especie de flashes ao refresco do vídeo), non sabemos se por causas de refresco da aplicación da rede ou do seu equipo.
Polo demais, como podedes ver na captura, as opcións son bastante obvias. Logo, hai opción de usar un chat e YouTube. Cando un entra en YouTube aparece que “Fulanito está vendo vídeos en YouTube” e dá opción de ir a YouTube ou non. Eu probei a darlle a ir, pero o certo é que non abriu, así que non nos quedou moi claro se se mostra o vídeo que estaba vendo ese contacto ou non.
Así que podemos dicir que a experiencia foi positiva e que nos resultou altamente interesante, sobre todo agora que sabemos o que está pasando con Skype. Será a alternativa definitiva?
Perfil e configuracións
O tema de editar o perfil é semellante ao de outras redes sociais: cubrir datos e pouco máis. Se ben é certo que conta con detalles curiosos, como o cambio da foto de perfil. É que ao cambiala, quedan todas as imaxes acumuladas no recado da nosa imaxe (ou do nosos contactos), e se clicamos nesa foto irásenos cambiando cun efecto chulo, como podedes ver na seguinte captura (tamén se entramos nos perfís dos amigos e facemos o mesmo)

En canto a outras configuracións, podedes editar as vosas preferencias de avisos, moi importante se non vos gusta estar recibindo un correo cada vez que alguén fai algo relacionado con vós:
A galería de fotos
É algo que a min me encantou. Aparecen as fotos de todos os contactos que seguimos por orde cronolóxico de suba (entendede que non poña unha captura por privacidade).
Outros aspectos dos apartados de fotos son as “fotos do teu teléfono” que son as que teremos no caso de ter activada a “Suba instantánea” na aplicación Android. É dicir, se temos isto “on”, cando saquemos unha foto subirase a este cartafol na nube privado. Dunha banda é algo cómodo, logo podemos seleccionar se publicalas ou non, pero tamén temos que ter en conta o consumo de datos que supón.
Como vedes na captura anterior, o resto de apartados son os das fotos nas que estamos etiquetados e os nosos albumes, aos que se suman os que teñamos en Picassa (e blogues).

Huddle
Outra cousa que probamos foi Huddle, que é o Whatsapp asociado a Google+. O certo é que é interesante o xeito que tivo Google de implementalo como aplicación en Android, xa que descarga 2 aplicacións, unha completa da rede e outra para o servizo de mensaxería Huddle por separado (tamén está na aplicación completa).
Do seu funcionamento, pouco que dicir: podemos enviar mensaxes grupais ou a un contacto específico, en tempo real. Ao principio tiven un problema cun usuario que tiña duplicado (aparecíame 2 veces en Google+, co mesmo correo de Google…), e non recibía o que mandaba eu nin viceversa. Ao final, enviado a mensaxe á conta que aparecía con foto solucionouse o ?problema?.
Nova versión da aplicación
Por outra banda, a aplicación xa recibiu a súa primeira actualización, á 1.0.2, que corrixe algún que outro bugs (sobre todo de login), alén de permitir ter asociadas varias contas de Gmail.
Conclusións
Dende logo, que guste máis unha rede social ou outra é totalmente subxetivo. Hai quen prefire Facebook, quen tolea por Tuenti e que flipará con Google+. Entre nós tamén, algún que esperaba máis, outros aos que nos encanta… a recomendación: que a probedes, que fedelledes nela e logo xa teredes unha opinión persoal.
Dende logo hai que recoñecer que ten aspectos que a min me resultan altamente satisfactorios e creo que foron acertos: Círculos, mensaxería instantánea, integración de servizos, minimalismo… 
Non sexamos tampouco altamente críticos con pequenos erros técnicos, que haberá (o que comentabamos de YouTube por exemplo…), temos que ter en conta que está en fase beta e sobrecargada pola novidade.
O tempo falará. Seguímonos aquí ou nas redes sociais!

Sobre o autor

Reply