Privacidade en Google +, todo o que necesitas saber

Google + presentouse cunha marca de diferenciación con respecto a outras redes sociais: a privacidade.
E é que, co invento dos círculos, poderemos por fin separar aos destinatarios das nosas anotacións. Así poderemos compartir o que queiramos con quen queiramos de forma pública, de forma que aqueles que non queiramos non poidan ver o que compartamos. Os círculos son pechados, e os contactos non saben en que círculos están ou non están. Porén, un bo deseño dos círculos é fundamental para evitar consecuencias pouco agradables, xa que só ti podes decidir que contactos son o suficientemente fiables para segundo que contidos.
De todos os xeitos, non só podemos controlar quen ve cada unha das nosas entradas, senón moito máis:
Comentarios:

Podemos seleccionar para cada entrada non só quen as ve, senón tamén se queremos que comenten ou non nelas. Nunha entrada con comentarios bloqueados non cabería dereito á réplica ao publicado. Tamén, ao igual que noutras redes sociais, podemos bloquear, borrar ou reportar comentarios. Para todo isto temos o círculiño cun triángulo que apunta cara abaixo no seu interior sitúado na esquina superior dereita de cada publicación. Ao clicarmos neste circuliño despregamos un menú no que podemos ver as opcións de deshabilitar comentarios así como a de borralos ou informar sobre eles.

Compartir:

A privacidade dos círculos ficaría incompleta se só puidésemos seleccionar quen ve que. Tamén podemos seleccionar se queremos que estes contactos poidan compartir ou non o que estamos publicando. Para evitar que os teus contactos poidan compartir as túas publicacións tes que volver clicar no círculo con triángulo da esquina superior dereita e seleccionar a opción “Deshabilitar opción para compartir”.

Isto imposibilita que ninguén poida compartir as túas entradas directamente co sistema de Google+, pero ollo! non te vai protexer contra as capturas de pantalla que poidan facer, así que coidado co que publicas!

Contactos:

Podemos decidir que contactos amosar, e a quen. Para xestionar a visión dos nosos contactos, temos que ir ao noso perfil e seleccionar a opción de editalo. Ao clicar nas imaxes dos nosos contactos, baixo a nosa foto principal, saíra un menú como o de debaixo destas liñas.

Neste menú podemos escoller tanto que contactos queremos amosar (pódense ocultar eses amigos que alguén non queres que saiba que tes ao metelos nun círculo ao efecto) como a quen llos queremos amosar (público, contactos nos círculos, ou ninguén).

Etiquetas:

Todos temos sentido esa punzada ao ver que levamos dez horas etiquetados nas fotos pouco presentables da festa do día anterior, e que parella, familia e compañeiros de traballo xa tiveron tempo abondo a ver e comentar.

Cando, polo motivo que for, non tes a posibilidade de restrinxir a presenza de persoas “delicadas” nas redes sociais, sería de grande axuda a posibilidade de restrinxir as etiquetas nas fotos antes de que aparezan. Google + dá esta posibilidade.

Ao editar o teu perfil, na sección fotos tes a opción de seleccionar as persoas cuxas etiquetas son aprobadas directamente. A opción predeterminada é que sexan todos os contactos nos teus círculos, pero podes deixalo baleiro para que todas as etiquetas teñan que pasar por ti. Ao tentar alguén non autorizado te etiquetar nunha foto, aparecerá unha notificación e terás a oportunidade de dedicir se aceptas ou non a etiqueta, nun menú coma este:

Con estas catro cuestións, o teu Google+ convírtese nunha das redes máis privadas que existen, pero, como diciamos antes, a prudencia é a mellor conselleira, xa que nada pode evitar que os teus contactos compartan o que subes por medios alleos aos da rede.

Sobre o autor

One Response

Reply