O próximo Nexus: fabricado por HTC e con botón de Google Plus?

Este tipo de novas hai que lelas con cautela, porque até o de agora nada se sabe, son todo rumores. Google xa nos acostumou a presentarnos as novas versións de Android acompañadas de terminais fabricados polos seus partners. Así foi co Nexus One fabricado por HTC, co Nexus S, fabricado por Samsung ou a Motorola Xoom, que se ben é certo que non ten ese apego a Google característico da saga Nexus, o certo é que serviu para lanzar Honeycomb, a versión orientada a tablets.
Así que o lanzamento de Ice Cream Sandwich, a seguinte versión de Android que se adaptará para tablets e smartphones, virá, seguramente, acompañada dun novo terminal da saga Nexus, chamémoslle Nexus 3.
Primeiro falouse de que podería estar fabricado por HTC, logo as olladas mudaron a LG, e agora volven estar sobre HTC. Sexa como sexa, estamos seguros de que os fabricantes recibiron instruccións de facer terminais orientados a Ice Cream Sandwich e todos, e non só estes dous, están a mirar de facer prototipos, entre os que Google terá que elixir.
O último escalón neste ir e vir de rumoroloxía chega dende unha das páxinas de Google Plus que hai no Facebook (xa é cando menos curioso…), atendendo ás cales o Nexus 3 estaría fabricado por HTC (afondando nos rumores que apuntan nesta liña) e contaría cun botón de compartir en Google Plus.
Isto último podería ver na liña dos terminais ‘Facebook’ que fabricou  HTC e presentou no pasado Mobile World Congress, que contiñan o botón de compartir en Facebook. Pero, atendendo aos deseños do Nexus One e Nexus S, que contan cos mínimos botóns físicos… meteranllo ao terceiro?
Como vos dicimos é falar por falar. A vós que vos parece?

Sobre o autor

Reply