Como instalar aplicacións dende o Android Market web

Quizais esta debera ter sido unha das entradas que debéramos ter publicado nada máis saír o Android Market en versión web, ao cal citamos e enlazamos sempre que publicamos información sobre algunha aplicación.
Como lembraredes, antes de que existira o Android Market web (algúns Androides noviños pensaredes aquilo de pero non estivo aí de sempre? estes son do ano da polka!) o que facíamos era enlazar ao Market a través dos códigos QR, que líades coas cámaras dos vosos terminais e xa procedíades a instalar se vos interesaba.
Pero o nacemento do Android Market web mudou as cousas e entendemos que era moito máis cómodo e áxil ligar a el para atopar as aplicacións. As razóns, son dúas:
  • Se nos ledes dende o voso Android, xa tedes a ligazón e ao clicar nela xa se vos abre o Market (pensade que se puxéramos o QR non o poderíades ler).
  • Se nos ledes dende un ordenador, podedes lanzar a instalación dende ela e automaticamente se nos instalará no noso terminal.
E isto como se fai? 
Pois unha vez que entramos na páxina do Market web dunha aplicación (por exemplo a través dunha ligazón no noso blogue), atopámonos información da mesma, como podemos ver na seguinte captura de exemplo:
Marcado en vermello está o botón INSTALAR, o cal, se clicamos nel, abriranos unha xanela emerxente na que podemos seleccionar a que dispositivo enviar a aplicación (caso de ter varios vencellados á nosa conta de Google), así como comprobar que permisos precisa a aplicación.
Se estamos dacordo en todo, clicaremos en INSTALAR e automaticamente a aplicación comezará a instalarse no noso terminal, sen que teñamos que facer nada máis a maiores.
Como vedes é un proceso moi sinxelo e cómodo. Se queredes podedes comprobalo por vós mesmo dándovos unha volta pola web do Market, http://market.android.com. Por certo, os datos para acceder ao mesmo son os mesmos de Google. Doado, non?

Sobre o autor

Reply