Google Maps chega á versión 5.8, engadindo checkins con foto

Encántanos anunciar novas versións de Google Maps, a que para moitas e moitos é a mellor aplicación Android de todos os tempos. E o certo é que versión tras versión vai incorporando novidades que a fan máis útil, mesmo cando pensamos que “pouco queda por inventarlle”.
Coa lanzada hoxe chegamos á versión 5.8 da aplicación, que inclúe melloras nos Lugares e en Latitude, como vos pasamos a detallar.
Checkin con foto.
Estase facendo cada día máis popular facer checkin en lugares, ben sexa a través de Foursquare ben a través de Google Maps. Agora Google vén de engadir a posibilidade de facelos con foto, que se fará de dominio público, puidendo chegar a ser a foto que identifique o lugar no que te rexistraches. Iso si, se nalgun momento queres eliminar as fotos dos teus checkins podes facelo a través do albume “Photos for Google Maps” que se nos creará en Picassa, o servizo de fotos de Google.
Máis información dos Lugares.
A versión de escritorio de Google Maps xa contaba con información adicional dos lugares, o que poderíamos chamar consellos (‘neste restaurante compensa tomar polo con setas’) doutros usuarios. Pois ben, a aplicación móbil non amosaba esa información até agora, que lle foi engadida, un punto máis a favor dela.
Engadir Lugares, máis doado ca nunca.
Ás veces atopámonos que o lugar no que queremos facer checkin non está dispoñíbel e debemos crealo. Agora isto será moito máis sinxelo ca nunca coa opción “Engadir lugar”, que aparece ao final da listaxe de lugares próximos nos que poder facer checkin.
Este lugar ficará dispoñíbel para todo o mundo e poderán rexistrarse nel, aínda que non será engadido aos resultados de busca en Google Maps / Lugares.
Se xa tedes Maps instalado no voso Android, comprobade a actualización no Market. Se non a tedes… a que esperades? Podedes baixala de acó, gratis, para todos os androides 2.1 e superiores.

Vía

Sobre o autor

Reply