Google vs. Apple e Microsoft

Despois de moito tempo de silencio e de deixar falar aos tribunais, Google decidiuse por fin a dar o seu punto de vista ante a escalada xudicial polas patentes que a enfronta a Apple, Microsoft e outros.

E é que nos últimos tempos cada vez son máis as denuncias e acusacións de violacións de patentes contra Android e contra os fabricantes de terminais que empregan o sistema operativo de Google. Por iso, dende a compañía do buscador fixeron público un comunicado no que dan a súa versión, e non deixan títere con cabeza.

Para Google, a guerra hostíl que están a facer Apple, Microsoft e Oragle (e algún outro) contra Android só se pode explicar polas boas cifras do seu sistema operativo. E é que, como xa comentamos en Mallando no Android, cada día máis de 550.000 novos androides son activados, teléfonos que proveñen de 39 fabricantes e que se comercializan a través de acordos con 231 operadores de telefonía móbil.
Segundo Google, estas boas cifras de Android fixeron que Apple, Microsoft e compañía se aliasen para mercar vellas patentes e así, ben evitar que Google e os fabricantes as puideran usar libremente, ben cobrar unha taxa como fórmula para permitir o se uso (como os 15 dólares que ten que pagar Samsung a Microsoft por cada terminal que fabrica).
Dende Google pensan que loitar xudicialmente polas patentes é absurdo, tendo en conta que a fabricación dun terminal pode chegar a implicar até 250.000 patentes dubidosas, e que resulta un freo á capacidade de innovación. De feito, acusan á competencia de competir nos xulgados o que non son capaces de facer pola vía da innovación, é dicir facer terminais con funcionalidades novidosas.
Con este método “caciquil” das “posíbeis” vulneracións das patentes, Apple e Microsoft fixéronse nos últimos tempos con 4,5 billóns de dólares. Suxírese que a estratexia consiste tanto en tratar de encarecer a toda costa os terminais Android que saen ao mercado como en obter beneficios a través das taxas de uso das patentes.
Pola súa banda, Google asegura que están a traballar arreo en innovación, pero tamén loitando para que Android sexa competitivo e accesíbel aos consumidores, fronte a quen intente que isto non sexa así. De feito amósanse confiados en que a lei poña freo á burbulla das patentes dubidosas.
Parece pois que a guerra está asegurada.

Sobre o autor

Reply