Seguridade adicional para a túa conta de Google

Correos, contactos, fotos, vídeos, publicacións en Google+, calendario, Google Reader, Google Docs, blogger, etc. Sóavos de algo? Si, son algúns dos servizos que Google pon á nosa disposición coa facilidade de que coa nosa conta de correo temos acceso a todos eles. Por unha parte isto de ter unha única conta de acceso é unha vantaxe, pero por outra banda, se nos roban a nosa conta, isto pode ser un verdadeiro quebradeiro de cabeza.
Por este motivo, Google danos a posibilidade do acceso á nosa conta co proceso de verificación en dous pasos, de xeito que a nosa conta quede un pouco máis protexida fronte aos ataques informáticos. Con este método cada vez que accedamos a un ordenador non verificado, pedirásenos que verifiquemos a nosa identidade co noso contrasinal e cun código de verificación que poderás obter a través da aplicación Google Authenticator para Android, ou se non fose posible, mediante un SMS ao noso teléfono móbil.
Para configurar esta opción imos á nosa configuración da conta e seleccionaremos “modificar” en “uso da verificación en dous pasos”.
Configurar o teléfono:
O que primeiro faremos é seleccionar a opción “Android” e a continuación pedirásenos que instalemos a aplicación Google Authenticator, dispoñible no Android Market. Unha vez instalada a aplicación sairá un código QR para vincular de xeito automático a nosa conta coa aplicación do móbil. Para facer este paso habemos ter instalado un lector de códigos QR no móbil, aínda que se non queremos empregar este método temos a opción manual para a cal facilitarásenos unha clave. O seguinte paso xa é comprobar o correcto funcionamento do xerador de códigos co que accederemos á nosa conta.
Engade unha opción secundaria:
Como depender unicamente do noso smartphone pode ser un problema, a continuación darásenos a posibilidade acceder mediante uns códigos secundarios imprimibles ou co acceso mediante un SMS a un número de móbil.
Confirma:
O último paso é darlle permisos a aquelas aplicacións das que déramos uso coa nosa conta de correo coma o Gmail para Android ou a aplicación de escritorio de Picasa. Para isto darásenos unhas claves que tan so deberemos usar a primeira vez polo que non fai falla memorizalas, xa que logo poderemos acceder co contrasinal de sempre.
Para crear contrasinais específicas de aplicacións, accede a esta páxina:
IMPORTANTE:

  • Non perdas o acceso á túa conta durante o proceso. Para poder acceder á túa conta é necesario introducir os códigos de verificación que se che irán amosando.
  • Mantén os códigos de copia de seguridade (os códigos que has de imprimir ao rexistrarte no proceso de verificación en dous pasos) nun lugar seguro. Podes empregar estes códigos no lugar do teu código de verificación. Se o teu teléfono o a aplicación para móbiles non están dispoñibles, estes códigos serán a ÚNICA FORMA de acceder á túa conta.
Google Authenticator está dispoñible no Market de forma gratuita para android 2.0 ou superior.

Sobre o autor

Reply