Google merca Motorola Mobility para seguir impulsando Android

Se pensabamos que no verán non hai moita nova estabamos equivocados. E é que Google acaba de anunciar que merca Motorola Mobility, a sección de tecnoloxía móbil de Motorola, por 12.500 millóns de dólares.
Motorola era até o de agora un dos partners preferentes de Google e membro fundador da Open Handset Alliance, que traballou dende o primeiro momento no desarrollo de Android como sistema operativo dos seus smartphones, incrementando a súa aposta en 2008, data dende a cal todos os seus smartphones contan unicamente co sistema operativo de Google.
Con esta compra pretenden seguir afondando no desarrollo de Android, pero mantendo o mesmo espírito que até o de agora de contar cun sistema aberto (senón sería un gran fracaso para Android) e, por suposto, traballando con todo o resto de fabricantes.
Pero a razón da compra de Motorola Mobility por parte de Google é moito máis profunda ca “seguir mellorando Android”. Como vos comentamos non hai moito, Google ten unha loita con varios fabricantes, sobre todo Apple/Microsoft polo tema das patentes. 
E neste sentido, Motorola conta cunha chea de patentes en temas de telefonía móbil, polo que podería nalgún momento desestabilizar o desarrollo de Android e vetar o seu uso a outros fabricantes (ou cobrarlles por el facéndoos menos competitivos). De feito esta compañía separouse hai uns anos en dúas novas: Motorola Solutions e Motorola Mobility, deixando nesta última todas as patentes relativas a telefonía móbil (con miras a que Google os mercase?).
Así que agora Google, con esta compra, gana non só en tranquilidade (polas patentes) senón que tamén adquire unha fábrica de terminais e de desarrollo de hardware.
E a vós, que vos parece esta nova?

Sobre o autor

Reply