Mr. Mouse, a alternativa ao rato do ordenador en Android

De vez en cando vemos aplicacións que fan cousas sinxelas pero abraiantes. Hoxe queremos presentarvos unha delas, Mr. Mouse, que se ben é certo que non vai sustituír ao rato do noso computador, pode sacarnos dun apreto se odiamos os trackpads dos portátiles.
Para comezar, dicir que polo de agora só está dispoñíbel para Windows e en fase beta, polo que tampouco vai todo o fino que desexáramos, pero para un apuro, serve ben.
Para poder empregar a aplicación debemos instalar no noso computador un pequeno programa (dende aquí ou mirror aquí) e a aplicación, que está dispoñíbel no Market de xeito gratuíto para versións de Android superiores á 2.1.

Feito iso, procederemos á configuración, á cal é moi sinxela. O primeiro que debemos facer é ligar o noso smartphone ao computador, o que podemos facer a través da WiFi (se hai varios computadores conectados podemos elixir a cal facelo) ou do Bluetooth.
A continuación seleccionaremos un dos dous modos de operación:
  • Pantalla: este primeiro modo é o do típico trackpad, no que movemos o noso dedo pola pantalla do noso smartphone e o punteiro do rato replicará os nosos movementos.
  • Cámara: é o método máis novidoso, que emprega a cámara para ver os movementos que facemos co terminal, que fai a función dos ratos con láser.
Antes de rematar podemos configurar algún aspecto a maiores, como o grao de sensibilidade, o que nos deixará escoller se queremos un gran desprazamento ou non para mover o rato. Con todo iso feito estaremos en condicións de poder usar a aplicación. No seguinte vídeo podedes ver como se fai a configuración, como veredes, non ten nada. 

Que vos pareceu esta aplicación? Védala útil?

Sobre o autor

Reply