Phone Secure, unha aplicación que che axudará en caso de roubo

Seguro que coincidiredes connosco en pensar que unha das peores cousas que nos pode acontecer co noso smartphone é que o perdamos ou no lo rouben, xa que se trata dun obxecto moi prezado polos amigos do alleo e que ademais contén moita información sobre nós.
Por iso existen moitas alternativas para protexer o noso terminal neses casos, unha delas é Phone Secure, que funciona a través de mensaxes sms enviados ao noso número de móbil desde calquer teléfono.
O primeiro que debemos facer para usar a aplicación é configurala, introducindo uns cantos datos:
  • Un código de seguridade.
  • Un teléfono e un correo electrónico ao que poder enviar a información que lle solicitemos cando non teñamos o móbil.
  • O número de serie de até 2 SIMs diferentes, que serán as que non farán saltar as alarmas ao ser usadas no teléfono (pódeo ler directamente a aplicación, non fai falla desmontar a batería).
Con iso xa teremos activada a aplicación e, en caso de ter que usala debemos ter a man os seguintes códigos, que serán os que teñamos que enviar por sms ao noso número se queremos obter información sobre o noso terminal:
  • codigoPerdido : Enviando ‘codigoPerdido’ a aplicación activará o GPS para tratar de determinar a ubicación e, no caso de non ser capaz de obter datos deste xeito tamén activará a WiFi e intentaráo por triangulación. A continuación enviará un sms ao número configurado coa latitude/lonxitude aproximada e, de ter acceso a Internet, tamén un correo electrónico con ligazón a Google Maps.
  • codigoDesvio / codigoNodesvio : Neste caso, activa o desvío de chamadas no teléfono, de xeito que todas as chamadas que se reciban se pasarán ao número que teñamos introducido na configuración. Para desactivar, enviar ‘codigoNodesvio’
  • codigoAvion : activa o modo avión, impedindo que quen teña o noso terminal poida facer gasto telefónico.
  • codigoLlamame : fai vibrar e soar o teléfono, amosa unha mensaxe dicindo que se vai chamar ao dono do teléfono e iníciase a chamada ao número configurado.
  • codigoAlarma : fai soar unha alarma, aínda que tivéramos o móbil en silencio (útil por se queda no medio do sofá :P)
  • codigoBorrasms : borra todas as mensaxes de texto que teñamos no teléfono.
  • codigoBloqueo / codigoDesbloqueo : bloquea o teléfono impedindo facer nada. Para desbloquealo, enviar ‘codigoDesbloqueo’, ou dende o propio terminal metendo o código de seguridade.
  • codigoBloqueoper / codigoDesbloqueoper : bloquea permanentemente o noso terminal, malia que se reinicie, para desbloquealo: codigoDesbloqueoper.
Como vedes, trátase dunha aplicación moi completa, aínda que temos que ter en conta que imos gastar certa cantidade de diñeiro en sms para facer todas estas cousas e, loxicamente precisamos que o móbil estea nun lugar con cobertura.
Está dispoñíbel no Market por 0,50 €, o cal é un prezo moi aceptábel tendo en conta o que nos pode salvar. E, iso si, válido para todos os androides.

Sobre o autor

Reply