Os novos modelos Galaxy de Samsung ao descuberto

Samsung vén de facer públicos os nomes dos terminais que formarán parte da súa familia Android, todos eles vencellados a letras que dan orixe a series e que fan posíbel poñer un pouco de orde entre toda a marabunta de terminais. Ademais tamén deixou ver cales serán as novidades que presentará na IFA. Pero vaiamos por partes.
En canto aos nomes, escolléronse letras, varias coñecidas: son S, R, W, M e Y, que agochan información extra sobre o terminal ao que poñen nome. Vexamos como:
  • S. O ‘S’ é a denominación para os teléfonos SuperSmart, que serán os máis potentes ou o que poderíamos dicir a gama máis alta. Exemplos: Galaxy S, Galaxy S II…
  • R. ‘R’ de Royal, son terminais semellantes aos S no deseño pero cunhas características algo inferiores para abaratar un pouco o custe dos mesmos e facelos máis accesíbeis ao público xeral.
  • W. Wonder, teléfonos que teñen unhas características avanzadas pero que non teñen por que parecerse aos “máis altos da gama”. Virían a ser os Royal, pero sen parecerse aos SuperSmart.
  • M. Os Magical son os modelos máis económicos de toda a gama, na que tamén se inclúen os dispositivos que contan con teclado tipo BlackBerry máis avanzados (outros máis sinxelos irán para a gama Y).
  • Y. Young son os modelos para o público máis novo, que non quere gastar moito en ter un terminal para comunicarse cos seus contactos.
Despois desta pequena introdución á denominación completa, pasemos a ver os novos modelos de Samsung que verán a luz durante a feira IFA de Berlín
En primeiro lugar toca falar do Galaxy R. Seguramente xa vos soará porque temos falado del por acó, aínda que con outra denominación anterior, Galaxy Z, que se desbotará. É o que poderíamos considerar o irmán pequeno do Galaxy S II, que trae procesador de 1 GHz, pantalla de 4,2 polgadas e dobre cámara de 5 e 2 MP.
Doutra banda temos o Galaxy W, un terminal con pantalla de 3,7 polgadas e procesador de 1,4 GHz. A súa cámara é de 5 MP e a batería de 1500 mAh. En canto á versión de Android, traerá Gingerbread de fábrica.
A familia M iníciase co Galaxy M Pro, un terminal con teclado qwerty na súa parte frontal ao máis estilo BlackBerry. Sen dúbida é o que fará as delicias daqueles que escriban moito, porque poderán facelo rapidamente.Vén cun procesador de 1 GHz, cámaras de 5 e 3 MP, batería de 1350 mAh e pantalla de 2,66 polgadas. Contará coa versión 2.3 de Android.
Outras novidades serán o Galaxy Y e o Galaxy Y Pro. O primeiro deles conta cun procesador de 832 MHz, pantalla de 3 polgadas, cámara de 2 MP e 1200 mAh de batería. O seu sistema operativo será Gingerbread. As características do Galaxy Y Pro serán basicamente as mesmas, mais con teclado qwerty.
Parécevos un acerto a nova denomación de Samsung? Que vos parecen os novos terminais? Con cal vos quedaríades?

Sobre o autor

Reply