Guía Gourmet, máis de 500 restaurantes galegos na palma da man

Se sodes de bo comer gustaravos saber da aplicación da que vos queremos falar hoxe, Guía Gourmet. Trátase dunha ferramenta que pon na nosa man información de máis de 500 restaurantes galegos, asociados ao web RestaurantesGallegos.com, que aínda que non son moitos (pensemos que hai 315 concellos galegos), non está de todo mal.
A aplicación emprega o xeoposicionamento para saber onde estamos e ofrecernos unha listaxe dos restaurantes que se atopan máis preto de nós, amosando unha listaxe que vai dende os que están máis próximos aos máis afastados. Así mesmo tamén se poden facer buscas tendo en conta factores como o tipo de cociña, instalacións ou rango de prezo.
Ademais da información sobre localización e cociña a aplicación ofrécenos información adicional na que se inclúe unha breve descrición do local e fotografías do mesmo. E se queremos, poderemos chamar directamente ao restaurante para ver se teñen mesa libre e usar o navegador para chegar a el.
Unha completa guía dos viños galegos, con información da súa denominación e tipo de uva complementan esta aplicación, que podedes descargar gratuitamente dendo o Android Market. Ademais está dispoñíbel para todos os androides.

Sobre o autor

Reply