MotoACTV, o gadget musical de Motorola para facer deporte

Coñecer novos dispositivos Android que non son smartphones nin tablets é unha gran nova. Neste sentido, Motorola presentou onte o MotoACTV, un gadget que serve tanto de reloxo como de reprodutor musical, pero que permite ademais levar un control do exercicio que facemos grazas ao Coach Trainer.
Cun procesador de 600 MHz, o MotoACTV conta con GPS e conectividade Bluetooth e WiFi. Pesa tan só 35 gramos e comercialízase en 2 versións: 8 e 16 GB respectivamente. Ademais, dispón de radio FM para todos aqueles que non se conformen só con ter a súa música.

Outro aspecto interesante é que vén preparado para uso en exterior, o que implica que é resistente a golpes e auga, un aspecto moi a ter en conta á hora de facer exercicio.

No que ten a ver co Coach Trainer, a aplicación de control do exercicio, permite entre outras cousas tomar o control das distancias, tempos e tamén ritmo cardíaco. A través dun web específico, http://motoactv.com poderase acceder a un panel persoal no que ir vendo as nosas evolucións deportivas.
En canto a prezos, comercializarase por 249 $ a versión de 8 GB e 299 $ a de 16 GB (181 e 217 € respectivamente) e estará dispoñíbel a partires do 6 de novembro en Estados Unidos.
Complétase este dispositivo cunha gama de accesorios na que se atopan diferentes auriculares, correas de boneca e brazo e mesmo soporte para o manillar da bicicleta.
Se vos quedades con ganas de saber máis, non vos perdades a súa web, onde atoparedes moita información complementaria.

Sobre o autor

Reply