Este Nadal, agasalla Android (I): 5 smartphones para elixir

Achégase o Nadal, unha das datas máis consumistas do ano. Non é que queiramos facer desde aquí un chamamento ao consumismo nin nada polo estilo, pero si que queremos facervos unhas cantas propostas para que as teñades aí. E se queredes sorprender a alguén ou darvos un capricho, pois ter algunha que outra idea, que nunca vén mal.

Por certo, que esta é a primeira entrada dunha serie de catro. As tres que restan publicarémolas ao longo da semana que vén (así tedes marxe de aquí ás datas sinaladas).

Comezamos pois falando de 5 smartphones nos que incluímos dispositivos de varias gamas: alta, semi alta e media. Poderían ser outros? Claro! É o bo de Android, hai moito onde elixir. Pero había que escoller 5 e esta é a nosa selección.

1) Galaxy Nexus

Nestes momentos poderíamos dicir que o Galaxy Nexus é o rei do baile. E non é para menos, xa que se trata do último terminal que leva o selo pure Google do que tanto falamos. Que quere dicir isto? Pois que foi feito coma un traxe a medida para Ice Cream Sandwich, que xa sabedes que é a última versión dispoñíbel de Android. Pero ademais, ser pure Google é garante de que vai estar á última até que as condicións hardware o permitan.

As súas características técnicas xa as coñecedes: pantalla de 4,65 polgadas SuperAMOLED, procesador de 1,2 GHz e dobre núcleo, memoria de 32 GB, 1 GB de RAM, cámara traseira de 5 MP e frontal de 1,2 MP, batería de 1850 mAh…

En canto a prezos, pódese adquirir vencellado a Vodafone con contrato, e libre por 598 € en Spainmoviles ou 624,99 en Expansys, por poñer algún exemplo.

Con prezo e características semellantes estarían o Samsung Galaxy S II, LG 3D e Motorola Razr.

2) HTC Sensation XL Beats Audio

Outra “bestia” Android que está a dar moi bos resultados é o HTC Sensation XL, un terminal pensado para disfrutar dos contidos multimedia, tanto en vídeo, co seu pantallón de 4,7 pulgadas, como en son, xa que conta con Beats Audio, unha tecnoloxía especial desenrolada polo fabricante HTC para os seus terminais que consigue uns resultados óptimos.

Non é desprezábel a súa cámara de 8 MP con lente gran angular de 28 mm e sensor BSI para condicións de luminosidade baixa. O procesador é de 1,5 GHz, batería de 1600 mAh e dispón de 16 GB de almacenamento interno, sempre ampliábeis con microSD de até 32 GB.

O Sensation XL Beats Audio atopámolo dispoñíbel no catálogo dalgunha operadora, como Orange, ou libre en tendas como Expansys por 512,16 € no caso de querelo con auriculares normais ou por 589,99 € con cascos de edición especial.

Na liña deste estaría tamén o Sony Ericsson Xperia Arc S ou LG 2X.

3) Sony Ericsson Xperia Mini Pro

O Xperia Mini Pro é un terminal compacto e ideal para aquelas persoas que se leven regular coas pantallas táctiles, xa que dispón de teclado qwerty completo situado na parte inferior e accesíbel con tan só deslizalo.

Vén equipado con Gingerbread (2.3) e segundo indicaron desde a compañía actualizarase a ICS. Dispón de 512 MB de memoria interna ampliábeis con microSD de até 32 GB e cámara de 5 MP

Está dispoñíbel para adquirir nas principais operadoras e en varios OMV. Se o queredes coller libre pódese facer, por exemplo, por 259 € en The Phone House.

Con prezo e características semellantes atopamos o HTC Wildfire S.

4) Geeksphone Zero

Do Geeksphone Zero non hai moito que falamos no noso blogue. Vén con Gingerbread 2.3 e xa rooteado de fábrica, evitando así complicacións a quen queira sacarlle o máximo partido a o seu terminal Android.

Procesador de 600 MHz, 512 MB de ROM, 256 MB de RAM, pantalla de 3,2 polgadas e cámara de 5 MP son as súas principais bazas. Dispón ademais de slot para microSD de até 32 GB de almacenamento.

Pódese adquirir na tenda en liña de Geeksphone por 165 € en promoción até o 24 de decembro, despois volverá ao prezo habitual de 189 €. Ademais, os clientes de Pepephone (xa clientes ou novos clientes) poderán disfrutar de 3 meses de Internet de balde se collen este terminal. Esta promo está dispoñibel neste enlace.

O Samsung Galaxy Mini estaría situado tamén neste rango.

5) Alcatel One Touch 908

Aínda que puidera parecer que non, existen smartphones por baixo dos 100 €. E é que non precisar funcionalidades avanzadas nin terminais potentes non ten por que estar reñido con poder desfrutar de funcionalidades básicas, como consulta do correo electrónico ou actualización das redes sociais.

Neste sentido o Alcatel One Touch 908, coa súa pantalla de 2,8 polgadas e 320 x 240 píxeles cumple perfectamente. Dispón de Android 2.2 (Froyo) aínda que nalgún momento se actualizará a Gingerbread (2.3), pero non a ICS.

Polo demais, dispón das características básicas Android, como WiFi ou GPS e se pode adquirir libre por 79 € ou subvencionado con Yoigo por 0 €.

O Vodafone Smart, un terminal que vende en exclusiva esta operadora e pensado para un público de cartón prepago, sitúase na mesma liña de prestacións e prezo.

Como diciamos antes, existen outras moitas alternativas en canto a terminais e prezos. Se queredes que vos axudemos a elixir un que se adapte ás vosas necesidades ou ao voso presuposto, non dubidedes en contactarnos a través dos comentarios, do Twitter @mallandroid ou do correo electrónico.

Sobre o autor

Reply