Tablet WiFi ou tablet WiFi+3G?

Cando temos que escoller entre as diferentes versións dunha tablet pódenos xurdir esta dúbida: collo unha tablet con conectividade unicamente WiFi ou que dispoña de WiFi+3G? 

É obvio que cada un sabe mellor ca ninguén que uso lle vai dar ao seu dispositivo, por iso con esta entrada queremos darvos algunhas claves que debemos ter en conta á hora de decantarnos por unha ou outra versión.

Que presuposto temos?

É obvio que este é un tema fundamental: cantos cartos temos para mercar a tablet? canto queremos gastar nela? Facerse coa versión WiFi+3G dunha tablet suporanos entre 100 e 150 € extra sobre o prezo da versión só WiFi.

No caso de que collamos a tablet a través dunha operadora, debemos facer números de se nos compensa amarrarnos X meses cunha tarifa de Y € mensuais de consumo de datos, e se lle imos dar uso ao que contratamos.

Imos usar a tablet en mobilidade?

Outro aspecto a considerar é o tema da mobilidade. Estamos a buscar unha tablet para usar unicamente na casa ou imos levala nos momentos de ocio e traballo? Se é o primeiro, a resposta é obvia: WiFi.

Se pola contra pensamos en sacala da casa, debemos facernos a seguinte pregunta:

De verdade existe o “WiFi everywhere”?
É certo que estamos rodeados de WiFis por todas partes: centros comerciais, establecementos de hostelaría, lugares de estudo e traballo, hoteis… pero como son esas WiFis?

Estamos dispostos a confiar cegamente en WiFis abertas e non seguras? Imos pagar por usar unha rede WiFi nunha noite de hotel pola que nos cobran o mesmo que unha mensualidade da tarifa de Internet móbil? Resulta cómodo ter que andar pedindo a clave cada vez que nos queremos conectar a unha rede dun establecemento? E a mellor de todas: imos ter unha WiFi ao alcance sempre que queiramos?

Dependendo do que respostáramos ás preguntas anteriores podemos pensar que non sempre que queiramos imos ter unha rede ao noso alcance. E que solucións podemos darlle a iso? Pois basicamente 2:

  • Crear unha rede WiF temporal co noso smartphone, o que non nos supón ningún gasto extra (ollo, se a nosa operadora móbil permite facer ese uso, que non todas o fan), pero a cambio ten o inconvinte de reducir notoriamente a batería do noso móbil.
  • Dispór dunha tablet con capacidade 3G.

Vale… entón, que fago?

Valora as túas necesidades.

Como dixemos antes, para un uso simplemente doméstico compensa coller a versión só WiFi, pero desde o momento en que nos plantexamos sacala da casa, valorar a opción WiFi+3G pode resultar interesante. Pensemos que:
  • Que a tablet teña capacidade de 3G non implica que teñamos que terlle un contrato específico, xa que non é necesario introducirlle unha tarxeta SIM para que funcione.
  • Existen tarifas multidispositivo: a meirande parte das operadoras xa ofrecen tarifas que permiten dispór de varias tarxetas SIM vencelladas a un mesmo contrato de datos, polo que non sería preciso ter 2 contratoss diferentes.
Esperamos que este post teña servido para facervos reflexionar sobre as vosas neesidades de conectividade á hora de pensar en adquirir unha tablet.

About The Author

Reply