Analizamos o Samsung Galaxy S II

Parece que os maiores fabricantes que traballan con Android fóronse especializando en diferentes aspectos: cámara, potencia, tecnoloxía 3D, compatibilidade con outros dispositivos… e neste sentido Samsung ten feito un gran esforzo por combinar potencia, calidade de pantalla e deseño.
Hoxe imos analizar do Samsung Galaxy S II, que a falta de días para que remate o ano podemos consideralo o éxito Android do 2011. Pasemos pois a ver o vídeo que vos temos preparado.

Como puidéchedes ver, o terminal é moi delgado, contando con 8,5 mm de grosor. Así mesmo, destaca o seu peso, tan só 116 gramos e a súa pantalla de 4,3 polgadas.

Aínda que o tamaño da pantalla é un factor determinante no Galaxy S II, máis o é a súa calidade. Como comentamos, dispón de tecnoloxía SuperAMOLED Plus, que engade máis píxeles e consegue uns contrastes realmente impresionantes que outras tecnoloxías anteriores. En que se nota iso? Pois por exemplo á hora de ler caracteres cunha maior claridade ou ao disfrutar de contido multimedia en alta definición.

Así mesmo é destacábel a súa potencia. E é que o procesador dobre núcleo de 1,2 GHz consegue que o terminal teña unha fluidez xa na usabilidade xeral, pero ao que se lle saca partido cando se executan xogos ou andamos flirteando con varias aplicacións a un mesmo tempo.

No que ten a ver coa cámara principal, como comentamos no vídeo, dispón de 8 MP. O certo é que achamos que consegue uns resultados moi bos, e cunhas cores moi naturais cando facemos fotos en exteriores ou desde unha certa distancia.

Mostra de imaxe tomada co Samsung Galaxy S II – Subida a Pena Trevinca
Mostra de imaxe tomada co Samsung Galaxy S II – Imaxe desde Pena Trevinca

Sen embargo, cando se pretende sacar unha imaxe dun obxeto próximo (escasos centímetros) cóstalle un chisco achar o enfoque óptimo (máis lento) e a calidade non é tan boa en comparanza cos resultados obtidos noutras condicións (algo borrosas, faltas de nitidez).

Concluíndo, comentar que estamos ante un dos terminais máis interesantes do panorama Android do momento que, como diciamos ao comezo, combina potencia, calidade e deseño. É un dispositivo pensado para o público máis esixente que quere sacarlle o máximo partido ao seu smartphone.

Cómpre sinalar ademais que o Galaxy S II está a piques de recibir a súa actualización a Ice Cream Sandwich, polo que é unha garantía ter un terminal que sabemos que se vai actualizar en breve e que vai dar moita guerra aínda durante o próximo ano.

Como sempre que analizamos un terminal, agradecer a quen no-lo prestou por facer posíbel que tivéramos acceso ao mesmo para poder probalo e falar del no blogue, que neste caso foi R.

Anexo: O vídeo ao que facemos referencia cando falamos da flexibilidade da carcasa traseira podédelo ver aquí.

Sobre o autor

Reply