Análise do Galaxy Nexus (e II): Ice Cream Sándwich

Despois da análise das súas características hardware toca falar, como non, de Ice Cream Sandwich. A estas alturas xa non vos temos que dicir que se trata da última versión dispoñíbel de Android a día de hoxe e que supón un cambio de concepto respecto ao anterior, aínda que recollendo especificacións xa presentadas en Honeycomb, a primeira versión pensada para o mundo tablet.
Primeiras impresións
O primeiro que nos chama a atención ao chegar á pantalla de inicio do Galaxy Nexus con Ice Cream Sandwich é descubrir os cambios na barra de notificacións, que nesta versión collen tons azuis.
Pero ademais descubrimos un novo launcher na parte inferior da pantalla, cunhas iconas moito máis vistosas e totalmente configurábel: é dicir, podemos eliminar os accesos directos que veñen por defecto e situar aí aquelas aplicacións que máis se adapten ás nosas necesidades.
Ademais, tamén temos dispoñíbeis na parte inferior os botóns de sistema, que son botóns táctiles e serven para volver atrás, ir ao inicio e despregar as aplicacións que están en execución.
Nas capturas de pantalla anteriores tamén podemos ver outra característica de ICS: os cartafoles. Así, na imaxe da esquerda vemos un cartafol chamado Google no que introducimos varias aplicacións elaboradas por este desarrollador e na da dereita o que veríamos ao abrir dito cartafol. Introducir unha aplicación no cartafol é tan sinxelo como arrastrar e poñer enriba. É certo que esta característica non é de todo novidosa, porque moitos fabricantes, nomeadamente Samsung, xa o incluían nos seus terminais, aínda que na súa capa personalizada.
O menú de aplicacións tamén se ve renovado: na parte superior podemos atopar 2 submenús, un de aplicacións e outro para os widgets (colócanse desde o menú, non pulsando na pantalla de inicio como até o de agora), así como tamén un acceso directo ao Android Market.
A xestión da multitarefa faise moito máis visual: agora, ao despregar as aplicacións que temos abertas amósansenos nunha listaxe como podemos ver na seguinte imaxe
Matar unha aplicación é tan sinxelo como arrastrar cara a dereita e facela desaparecer da listaxe.

Face Unlock (Desbloqueo Facial)


Unha das características máis destacábeis de Ice Cream Sandwich é a introdución do desbloqueo facial. Pode parecer moi de ciencia ficción, pero non é tal e xa está aquí.
A configuración é ben sixela: amosámoslle a nosa cara e unha vez que a ten gravada, cada vez que iniciemos un pantalla mirará de recoñecernos dese xeito. Seguro que máis de un está a preguntarse que pasa cando non recoñece, se hai plan B. Si, haino: debemos ter configurado un PIN ou un patrón de desbloqueo. 
No seguinte vídeo amosámosvos como funciona o sistema de recoñecemento facial:
Nova xestión de contactos
A xestión de contactos tamén resulta moito máis visual. A interface está moi ben conseguida e dispomos de 3 lapelas nas que podemos ver os nosos contactos agrupados por grupos, en lista ou os favoritos (primera das seguintes capturas).

Ao abrir un contacto (imaxe da dereita sobre estas liñas) ábresenos toda a información do mesmo e se nos desprazamos horizontalmente cara a dereita acharemos tamén a actividade nas redes sociais.

Outras novas funcionalidades

Resulta interesante a integración de aspectos que hoxe en día poden ser considerados obvios, como a posibilidade de facer panorámicas ou cotnabilizar os datos sen a necesidade de dispór de aplicacións de terceiros.

O contador de datos, como podemos ver na imaxe anterior, permite establecer o período no que facer o cómputo, e tamén ver que aplicacións son as que más consumen, así como poñer límites (interesante para a xente con tarifas limitadas).

Destaca tamén a integración de Android Beam, que permite intercambiar información entre terminais con esta funcionalidade e chip NFC con tan só achegar as partes traseiras: é o xeito máis cómodo de pasarlle a alguén unha ligazón, ou información dun contacto.

O menú de axustes sofre tamén un redeseño que o fai moito máis áxil e cómodo. Así, por exemplo, para activar a WiFi ou o Bluetooth non temos que andar buceando por complicados menús, senón que os temos moito máis accesíbeis

Outros pequenos cambios

Finalmente dicir que tamén cambian os menús das aplicacións. Deixa de haber un botón exclusivo e sustitúese por uns puntiños nos que se nos desprega o menú:

A galería de imaxes tamén se ve renovada, aínda que quizais dun xeito non tan visual como poderíamos agardar. Fixádevos que tamén aparece na parte superior os puntiños do menú e o acceso directo á cámara.

En definitiva, con esta análise fomos quen de comprobar en primeira persoa toda as posibilidades que nos ofrece Ice Cream Sandwich, que unidas ao excepcional hardware do Galaxy Nexus fan que sexa o terminal máis completo que temos nestes momentos no panorama Android.

Sobre o autor

Reply