Probamos o Huawei u8650, un básico ao alcance de todos

Hoxe imos falarvos dun terminal que axuda á democratización Android, é dicir, dun dispositivo pensado para que todo o mundo poida ter un smartphone sen ter que gastar moitos cartos. Trátase do Huawei u8650, o último androide en chegar ao catálogo de R, a quen agradecemos o préstamo para poder facer esta análise. 

Este terminal caracterízase por un deseño carente de aristas; todos os seus bordes son redondeados e ao tacto parece que temos un terminal dunha peza, como se non se puidese abrir, o que lle dá certa sensación de robustez.

Os acabados están feitos de plástico duro; mide 116,3 x 60,5 x 11,9 milímetros e pesa 120 gramos. A súa pantalla é de 3,5 polgadas (320 x 480 píxeles e 262.000 cores).
Software
O Huawei u8650 trae de serie Android 2.3 (Gingerbread), o que fai posíbel instalarlle a práctica totalidade das aplicacións que hai dispoñíbeis no Android Market. Iso si, non podemos contar con que se actualice a Ice Cream Sandwich, posto que as súas especificacións técnicas non o permiten. 

Sobre dita versión de Android inclúe unha interface propia de Huawei, que apreciamos no dock inferior e tamén na disposición das aplicacións, pero sen apenas aplicacións prácticas extra.

Conexións, controis, conectividade e outros.
O terminal conta con ranura de microSD con soporte para tarxetas de até 32 GB que complementan a memoria interna de 512 MB, un tanto escasa.
Dispón de tres botóns físicos (acendido e subir/baixar volume), pero ademais, tamén físicos pero disimulados na pantalla, os catro botóns de Android (casa, menú, atrás e buscar).
En canto a conexións, conta co conector de 3.5 para audio e o microUSB para batería e conexión de transferencia de datos.
Cámara e batería
A cámara é de 3,2 megapíxeles (fotos de 2048 x 1536 píxeles), o cal non é unha gran marabilla pero sácanos dun apuro. Grava tamén vídeo de 352 x 288 e 15 frames por segundo. 
En canto á batería, esta é de 1400 mAh. O certo é que me sorprendeu a súa duración, porque cun uso bastante intensivo ao final do segundo día seguía quedando por riba do 15%, cifra por riba da media para este tipo de terminais.
Prezos
No catálogo de R podémolo atopar nun abano de prezos que van desde os 0 €.

Conclusións

Logo de probar o terminal durante unha semana podemos concluír que se trata dun dispositivo orientado a un público que busca iniciarse en Android e que vai usar o terminal basicamente para consultar o correo, actualizar redes sociais, mensaxería instantánea (Whatsapp, Gtalk…) e consultas esporádicas de cousas como mapas.

Ao executar aplicacións pesadas nótase que lle custa, algo que non nos sorprende porque o procesador é algo escaso para este tipo de accións. Se quixéramos algo mellor nese eido teríamos que irnos a unha gama superior.

Lembrade que ficamos no Twitter (@mallandroid) por se queredes que vos axudemos á hora de escoller o voso terminal

Sobre o autor

Reply