Android e Ubuntu: unidos para gañar

Seguramente sodes conscientes das máquinas que levamos nos nosos petos ou bolsos: os terminais Android máis punteiros dispoñen de características técnicas semellantes a moitos ordenadores, e que ás veces infraempregamos por non ter en que sacarlle partido.
Iso deberon pensar en Canonical, onde xa están a traballar nun proxecto que vai bastante avanzado: Ubuntu para Android. Pero iso de Ubuntu non é un sistema operativo completo? Si, éo. E en breve estará dispoñíbel para empregar desde o noso smartphone.
O “como funciona” recórdanos ao Atrix de Motorola: existe un dock ao que enchufamos o noso smartphone e que á súa vez ten conectada unha pantalla de computador e un teclado/rato e voilá: veremos na pantalla un escritorio de Ubuntu completo.
Olliño con ese “veremos” do parágrafo anterior, porque non só é unha fachada senón que terá funcionalidade completa: así, poderemos empregar programas ofimáticos, navegador web.. étc.
Ademais, temas como contactos, redes sociais e xestión de chamadas ou sms está totalmente sincronizado, é dicir, podemos ler sms no ordenador e respondelos ou ver quen nos está a chamar, entre outras.
Como diciamos ao comezo, para poder empregar Ubuntu para Android vai facer falla ter un terminal completo. Na web do proxecto sinálanse como características mínimas un procesador de dobre núcleo a 1 GHz, 2 GB de espazo para a imaxe de Ubuntu, saída HDMI, modo USB host e 512 MB de RAM.
Desde logo é unha grandísima nova para todos os que somos usuarios de Android e Ubuntu. A nós parécenos que este proxecto pode ter moito futuro. Que vos parece a vós?

Sobre o autor

Reply