Asus desvela o PadFone no #mwc12. É unha tablet? É un smartphone?

Ver ao CEO de asus é un show. A keynote de presentación que vivimos esta mañá foi un fito para lembrar. O home é todo un espectáculo, destas persoas feitas para falar en público, que lle gustan os baños de masas. O que poderíamos chamar un crack.
Convencido de que presentaban realmente algo innovador, o entusiasmo do CEO foi crecendo nunha presentación que comezou tarde pero que se fixo curta, na que foi desvelando un a un todos os segredos que Asus tiña preparados para esta edición do Mobile World Congress.
Comezando polo máis espectacular diremos que se presentou o Asus PadFone. Non é un descoñecido, xa falamos del no noso blogue. Antes de pasar a falar das súas características técnicas dirémosvos que realmente nos pareceu unha idea caralluda: ti tes o teu smartphone, que podes acoplar a un disposito morto que realmente é unha pantalla e, ao facelo, é como se lle meteras o corazón que o fai funcionar. Pero hai máis, tamén se lle pode acoplar o típico dock de teclado que caracteriza ás tablets de Asus. Simplemente emocionante.
O smartphone ten unha pantalla de 4,3 polgadas SuperAMOLED HD, procesador Qualcomm de dobre núcleo e unha cámara de 8 megapíxeles. Dispón de versións de 8, 16 e 64 GB ampliábeis mediante microSD noutros 32 GB extra. Cando se acopla na tablet convértese nun dispositivo de 10,1 polgadas.
Outro aspecto marabilloso do invento é a batería. A do smartphone en si é normaliña, pero ao conectala á tablet multiplica a súa capacidade até en 5 veces. E se o conectamos tamén ao dock en 9. Vamos, batería para rato. E todo ilo contando desde o seu lanzamento, que terá lugar en abril, con Ice Cream Sandwich.
Noutra liña de produtos, Asus tamén falou do Transformer Prime, xa coñecido, e de dous novos produtos: Infinity Series e 300 Series.
O primeiro dispón de pantalla de con 600 nits de luminosidade, Full HD, procesador Qualcomm dual core a 1,5 GHz e dobre cámara (8/2 MP).
Finalmente o 300 Series conta con procesador Tegra 3 quad core, cámaras de 8 e 1,2 MP e unha batería que lle daría até 10 horas de uso continuado.
Xa cando parecía que non había nada máis, e nunha especie de One More Thing, presentouse un obxeto curioso: un stylus que á vez é mans libres, algo que nos pareceu unha idea moi interesante.
Como todo o que se vai presentando estes días, probarémolos no stand para poder falar máis sobre a práctica.

Sobre o autor

Reply