Probamos Ubuntu para Android. A converxencia real de móbil e computador

Unha das cousas que máis nos sorprendeu no Mobile World Congress foi Ubuntu para Android. Nun pequeno stand dun dos pavillóns máis apartados, medio escondido, agochábase unha desas ideas revolucionarias que a moitos se lle ocorreron pero que ninguén levou a cabo até o de agora.

Xa víramos como Motorola implementara a súa propia solución de dotar dun dock ás nosas casas para sacarlle todo o partido ao noso smartphone e poder traballar nunha pantalla de computador con teclado e rato.

A esencia de Ubuntu para Android é exectamente a mesma: un dock, teclado/rato e o noso smartphone como corazón desa máquina que teremos en breve (non gustaron de dar datas na entrevista que mantivemos) nos nosos escritorios.

Pero iso, o único que se repite en Ubuntu para Android é a esencia. Porque mentres outros se limitan a adaptar o Android do noso smartphone a unha pantalla grande, con Ubuntu estaríamos a correr 2 sistemas operativos á vez no noso smartphone, de tal xeito que téndoo desconectado do dock teremos Android e cando conectemos na pantalla que teñamos asociada ao dock apareceranos Ubuntu, aínda que Android siga correndo en segundo plano no noso smartphone.
Que gañamos con iso? Pois para comezar un sistema operativo case completo (non poderemos facer absolutamente de todo co noso Ubuntu, por aquilo de estalo correndo nun smartphone coas súas limitacións) mantendo as prestacións do noso smartphone, de tal xeito que se nos chaman poderemos contestar co computador, ou o mesmo para ler ou contestar a un sms.
A conectividade tamén se fai a través do smartphone, elixindo 3G (ou LTE se fose o caso) ou WiFi e tamén teremos acceso á nosa axenda de contactos do móbil ou a usar directamente as aplicacións de Android.
Sorprendeunos que empregaba unha versión de Microsoft Office (si, líchedes ben) e que a fluídez coa que se abrían as aplicacións era semellante á experiencia dun PC.
Para poder usar Ubuntu para Android teremos que ter un smartphone de gama alta, con 1 GB de RAM e segundo nos comentaron estaban a falar con varios fabricantes para traer isto como unha funcionalidade incluída de serie, o cal pareceunos un empuxón interensante tanto para as vendas de smartphones como para Ubuntu.
Credes que o futuro está nesta converxencia de servizos?

Sobre o autor

Reply