Como aforrar batería nos nosos terminais Android

A batería, ese ben escaso nos nosos smartphones…semella que por moito que nos digan, o tema da batería non é aínda unha prioridade real para os fabricantes: temos terminais ultrafinos que non pesan unha pluma… e que malamente son capaces de chegar ao día e medio de autonomía.
Mentres non chegan smartphones con baterías que dean unha autonomía de dúas semanas como aqueles Nokias, podemos darvos algúns consellos para aforrar batería. A maioría deles son a costa de perder funcionalidades, pero non está de máis telos en conta se imos andar lonxe de enchufes máis tempo do habitual.
Entre as cousas que máis consumen a batería está o terlle os datos activados. Obviamente ter os datos apagados non é a opción que recomendamos porque para iso poderíamos ter calquer teléfono sinxelo, pero si que pode ser unha solución cando andamos xustos de batería e imos precisar usar o terminal antes de ver un enchufe. Outra opción é apagar os datos nos momentos nos que non usemos o terminal, como por exemplo mentres facemos unha viaxe “longa” en coche. Aforrando batería neses momentos veremos incrementada a nosa autonomía.
Para apagar/acender os datos: Menú ->Axustes/Configuración->Conexións inarámica-> Redes móbiles -> Marcar ou desmarcar “Datos habilitados”.

Outro aspecto que consume batería é, obviamente, a pantalla. Pensemos que a través dela vemos a información pero tamén serve de elemento de interacción. Aquí cúmprese o de “máis pantalla máis consumo” e por iso cómpre usala sabiamente. Algúns consellos para aforrar batería coa pantalla son:
  • Modificar o axuste de brillo: o ideal é telo en automático, que o terminal escolla máis ou menos luminosidade dependendo do ambiente no que esteamos. Pero se queremos aforrar batería debemos facer un axuste manual baixo (aínda que coidando que vexamos ben a pantalla, non sexa que quedemos cegos!).
  • Eliminar os fondos de pantalla animados: quedan moi ben estes fondos que tocas e teñen efectos, pero consumen moita batería. Unha foto pode quedar igual de ben e gasta menos enerxía 🙂
  • Configurar un tempo de apagado da pantalla axustado ao teu uso: habitualmente está nun minuto, pero seguramente chega que o axustes a 30 segundos sen uso.
  • Cando acabes de facer algo, pulsa o botón de apagado para desconectar a pantalla, non agardes a que se apague soa.
Para aceder a’configuración da pantalla: Menú ->Axustes/Configuración->Pantalla
As conexións inarámicas tamén son unha fonte de agotamento de enerxía. Así, cando non usemos o Bluetooth ou o WiFi debemos desconectalos, porque de non facelo teremos ao noso terminal en busca constante de conexión. O GPS é un pouco indiferente telo aceso ou apagado, realmente só consume cando se está usando.
Mención aparte merecen as aplicacións que se executan en segundo plano e que ao mellor raramente usamos, como poderían ser as de comunicación tipo Skype. Tamén é importante valorar se usamos as ?4? aplicacións de mensaxería instantánea que temos instaladas etcétera. Neste sentido o mellor é ter instalado e activo só o que empreguemos.
Relacionado con isto temos as actualizacións de aplicacións, tipo redes sociais. Debemos valorar se compensa, por exemplo, que se nos carguen os tweets cada 15 minutos ou se chega con que configuremos un tempo maior ou manualmente. O mesmo cos widgets do tempo, de novas, …
Os xogos, aínda que nos entreteñen, tamén fan que se esgote a batería dos nosos smartphones rapidamente. Por iso é recomendábel facer un uso prudencial dos mesmos, sendo conscientes de a que nos expomos.
Finalmente debemos ter precaución coas zonas sen cobertura, ou nas que se anda pasando de ter cobertura a non ter (por exemplo, o traxecto en tren entre A Coruña e Santiago de Compostela). Se non imos poder disfrutar de conexión real ao mellor compénsanos descargar a información que queremos consultar e traballar offline empregando o modo avión.
Estes son só uns cantos trucos de como aforrar batería no noso smartphone. Non está de máis andar cun cargador preto (sobre todo sabendo que son universais), por exemplo ter un no coche, outro no traballo e demais. É mellor cargar o smartphone sempre que poidamos a non ficar sen batería; se dubidamos se nos chegará ou non para o que imos facer, seguramente non chegará.
Mercar unha batería alternativa pode ser tamén unha boa opción. Se non queremos gastar moitos cartos podemos mercar as copias chinesas para os nosos terminais; saen arredor de 10 € e sempre van durar menos ca orixinal, aínda que che poden sacar dun apuro. Se mercamos unha sustituta ao fabricante sairamos arredor dos 30-40 €.
E vós, tedes outros trucos para aforrar batería?

Sobre o autor

3 Comments

  1. Anonymous 16 Abril, 2012 Responder

Reply

Deixa una resposta a Iago Varela Martínez Cancelar a resposta