Android no teu computador de xeito portábel e económico. Paga a pena?

Levamos unha tempada vendo ordenadores de peto, dispositivos que pouco máis ocupan ca un chisqueiro e que aseguran que serven de solución económica e portábel. Vamos, que poderemos levalos por aí adiante sen andar cargando con CPUs.
Centrándonos nos dous proxectos baseados en Android máis destacados temos que falar de VIA APC e AllWinner A10, o primeiro con Android Gingerbread (2.3) e o outro con Ice Cream Sandwich.
VIA APC

 

Cun prezo de tan só 49 dólares (38 € ao cambio actual), o fabricante asegura que estamos ante un completo computador de sobremesa de reducidas dimensións (170 x 85 mm) e unhas características técnicas adaptadas ao prezo. A saber:
  • Procesador de 800 MHz.
  • 2 GB de memoria interna
  • 512 MB de RAM
  • Posibilidade de insertar tarxetas microSD para aumentar capacidade
  • Portos: jack 3.5 mm, 4 USB, VGA, ethernet e HDMI.
Como comentabamos antes, traballa coa versión do sistema operativo Android 2.3, Gingerbread, aínda que con algunha que outra modificación para adaptalo á rede cableada e a traballar cun rato, como nun computador.
AllWinner A10

Doutra banda estaría AllWinner A10, cunha apariencia moito máis comercial e compacta e cuxo prezo é de 74 dólares (60 € ao cambio).

Por este prezo, características máis avanzadas ca o VIA, entre as que destacan as que seguen:

  • Procesador a 1,5 GHz.
  • 512 MB de memoria RAM
  • 4 GB de memoria interna
  • Posibilidade de insertar tarxetas microSD para aumentar capacidade
  • Conectividade WiFI.
  • 1 USB, 1 microUSB
  • Saída de vídeo HDMI
  • Conector de alimentación
Como sistema operativo conta con Android Ice Cream Sandwich, a última versión dispoñíbel, polo que neste caso permite instalar aplicacións máis avanzadas e pensadas para tablets, que seguro que resulta moito máis interesante.
A priori semella que estes dispositivos son moi atractivos, sobre todo polo que ten que ver co seu prezo, aínda que non nos esquezamos que debemos mercar os periféricos para poder usalos.
A pregunta é, pagará a pena facerse con eles? Serven como alternativa real a un PC para aquela xente que simplemente emprega o computador para navegar por Internet? Que pensades vós, mercaríades algún destes?

Sobre o autor

Reply