Analizamos o Huawei Y200, un interesante terminal de entrada

Huawei é deses fabricantes dos que non se adoita falar demasido pero que cando teñen ocasión nos sorprenden dalgún xeito. Neste sentido, están centrados en dúas liñas de actuación ben diferentes: unha gama de iniciación e outra máis potente. O terminal que traemos a esta análise enmarcaríase dentro no primeiro grupo.
Deseño, acabados e conexións.
A sensación que adquirimos cando temos este terminal nas nosas mans é que estamos ante un terminal compacto e resistente (ollo! non probamos a tiralo ao chan a ver se aguantaba 😛 ). A capa traseira ten un acabado rugoso que frea para que non se nos escape das mans que resulta bastante agradábel ao tacto.
Non estamos ante un terminal con milleiros de conexións e botóns, senón que conserva os mínimos necesarios, é dicir, botóns de volume e acendido e conector microUSB (carga e datos) con jack 3.5 para o audio. Os botóns de menú, casa e atrás son táctiles pero incrustados na pantalla.
Pantalla
O Y200 ten unha pantalla de 3,5 polgadas con resolución de 480 x 320 píxeles. Non atoparemos nela mención a todas estas tecnoloxías modernas de resistencia ou brillo, pero os resultados prácticos amosan que se trata dunha pantalla moi sensíbel ao tacto e cun brillo de aprobado con nota.
Sistema operativo
Conta con Android 2.3.6 (Gingerbread), aderezado dunha pequena capa de personalización de Huawei que non introduce grandes novidades estéticas ou de aplicacións. Entendemos que non será actualizábel debido as súas características técnicas.
Cámara
Dispón dunha única cámara de 3,5 megapíxeles que cumple. Non poderemos tomar imaxes en alta definición, pero os resultados, sobre todo en exteriores, son máis ca decentes. Sorprendeunos para ben tamén a velocidade de acceso ao modo cámara.
Batería
A batería é outro dos aspectos a destacar deste smartphone de entrada, pois usándoo con intensidade chegamos ao final do día con carga abonda, o cal xa é bastante pedir. 
Conclusións
En termos xerais, podemos concluír que estamos ante un terminal interesante como primeiro smartphone ou para aquelas persoas que fagan un uso básico. Sen embargo, os usuarios avanzados veranse algo limitados en potencia (800 MHz), pero sobre todo en almacenaxe, posto que a memoria interna usábel polo usuario limítase a 86 MB, que aínda que son ampliábeis en 32 GB por microSD quedan algo escasos.
O Y200 é un dispositivo que se pode mercar libre por uns 130 euros. R, quen nos deixou este terminal para probar, comercialízao por 0 € para consumos igual ou superiores a 19 €

Sobre o autor

Reply