One X: probamos a "bestia" de HTC

O HTC One X é un terminal que cando o probas non che deixa indiferente. E non é para menos, temos  que ter en conta que estamos ante o dispositivo que marca o camiño para HTC, só superado polo seu irmán maior recentemente presentado, o One X+, unha versión do X que mellora a batería e amplía o almacenamento interno.

Deseño, acabado e conexións
Esteticamente, o HTC One X semella unha pantalla. Digo isto porque practicamente toda a parte frontal é pantalla, sacando os 3 botóns basicos, que malia non formar parte dela estan perfectamente integrados. E tamén, claro está, a parte superior, na que se atopa un LED para notificacións e a cámara frontal.
Nun lateral temos o acceso ao conector microUSB para carga e datos, mentres que no lado contrario temos os botóns de volume. Na parte superior está o conector de jack 3.5 e o botón de acendido, mentres que a parte traseira queda reservada para a cámara con flash LED, o acceso á microSIM e uns pinchiños que valen para conectar cun dock e escritorio.
Por suposto, conta con chip NFC para poder usar Android Beam e todo o que se nos ocorra con esta tecnoloxía en auxe.
Pantalla
Xa comentamos que a pantalla destaca polo seu tamaño. Non é para menos, pois son 4,7 polgadas, pero tamén é digna de mención a súa resolución de 720p,  cun brillo fantástico, que fai posíbel que vexamos con total claridade aínda que estemos no exterior, e, sobre todo, a cor. A pantalla amosaranos cores vivas, que xunto a unha boa cámara fará que disfrutemos moito de visualizar imaxes nel.
Sistema operativo
Vén de fábrica con Android 4.0 (Ice Cream Sandwich), pero xa está prevista a actualización a Jelly Bean (4.1) e supoñemos que a varias versións posteriores, porque o hardware que trae é, do bo, o mellor.
Trae ademais Sense 4.0, que como sabedes é a capa coa que HTC personaliza os seus terminais. Con Sense descubrimos efectos visuais moi interesantes e tamén numerosos widgets para facilitar as tarefas de dispór de información no escritorio.
Cámara
Ademais da pantalla, a cámara é outro dos puntos fortes deste dispositivo. A principal é de 8 megapíxeles cunha apertura f2.0. Destaca pola súa rapidez de enfoque (0.2 segundos) e por dispór de numerosos efectos xa aplicábeis no momento de tomar a imaxe.

Entre outras vantaxes, á hora de gravar vídeos poderemos facer igualmente captura de instantáneas, un aspecto que foi novidoso á hora de presentalo pero que despois da súa presentación xa foi incluído por varios fabricantes
Batería

Velaquí o principal (e único?) problema que lle atopamos a este terminal: a duración da batería. Para comezar cómpre salientar que ao contrario que a maioría de dispositivos Android o One X ten batería interna, polo que non a poderemos mudar. Pero aínda por riba a duración é escasa, xa que durante os días de probas non demos aguantado un día enteiro: se se lle daba un uso intenso, chegábamos ás 16 horas, mentres que se o deixábamos máis tranquilo acadaba até as 21 horas.

Supoñemos que a xestión do consumo de batería mellorará coa actualización a Jelly Bean.

Conclusións

Pantalla, cámara, conectividade e un procesador de catro núcleos a 1,5 GHz fan deste dispositivo unha auténtica máquina con potencia baixo control, un dispositivo á altura dos consumidores máis esixentes, tanto por prestacións como por resposta. No aspecto das cousas a mellorar, como dixemos, a batería.
O HTC One X pódese adquirir por uns 535 € no mercado libre

Sobre o autor

3 Comments

  1. Toninhofj 26 Outubro, 2012 Responder
  2. Iago Varela Martínez 27 Outubro, 2012 Responder
    • Toninhofj 27 Outubro, 2012 Responder

Reply

Deixa una resposta a Toninhofj Cancelar a resposta