OfficeSuite Pro, quizais a mellor aplicación de ofimática para a nosa tablet

Co auxe e democratización do mercado das tablets sodes moitas e moitos os que nos preguntades opinión sobre a idea de eliminar o portátil das vosas vidas e darlle máis uso a unha tablet, quizais con complementos como un teclado bluetooth ou similar.
Seguramente a eliminación completa do portátil sexa un tanto radical, pero si que podemos dotar ás nosas tablets de aplicacións para traballo que nos fagan a vida moito máis cómoda a traballadores que se andan movendo continuamente ou estudantes. Sen lugar a dúbidas non debe faltar no noso dispositivo unha ferramenta ofimática.
Das moitas aplicacións de Google Play para este tipo de funcións destacan dúas: Drive e OfficeSuite Pro
A primeira delas é a herdeira de Google Docs, unha ferramenta pensada para a sincronización e o traballo na nube: é dicir, poderemos iniciar un documento no computador e continuar traballando na tablet sen ter que enviárnolo, ademais de outras moitas vantaxes que nos ofrece Google, como o traballo en equipo.
Sen embargo centrarémonos en OfficeSuite Pro 6, que vai un paso máis aló, permitindo traballar con documentos de forma completa, desde crear, visualizar e editar a enviar a imprimir ou compartir doutro xeito.
O primeiro que destaca desta ferramenta é a cantidade de formatos que soporta (doc, docx, docm, rtf, txt, log, xls, xlsx, xlsm, cvs, ppt, pptx, pps, ppsx, pptm, ppsm, pdf, eml e zip), algo que cada vez inclúen máis editores, así como tamén a posibilidade de traballo conxunto cos principais servizos de almacenaxe na nube (Dropbox, Box, Drive, SkyDrive e SugarSync).
Se queredes ver máis en profundidade como funciona, podedes botarlle un ollo a este vídeo, que malia ser da versión 5 (agora vai na 6) é bastante ilustrativo:
Cómpre salientar que a aplicación compleméntase con ferramentas de compatibilidade que se poden mercar de forma extra, como o pack de fontes de Microsoft, para que non nos atopemos con sorpresas por traballar con fontes non instaladas.
OfficeSuito Pro 6 está dispoñíbel nos principais mercados de aplicacións para Android (Play Store, AndroidPIT, Amazon…) por algo menos de 12 €, unha pequena inversión que paga a pena para darlle se cabe máis utilidade ao noso dispositivo androide.

Sobre o autor

Reply