Mini PC for Android 4.0: probamos o PC que poderás levar no peto

Quen nos ía dicir que no que ocupa un subliñador poderíamos ter un PC completo? Pois xa vedes como cambian as cousas: o aparello que analizamos hoxe cabe na palma da man, é económico e ábrenos a porta a case todo o que nos podemos imaxinar. Trátase do Mini PC for Android 4.0.
O AK-802MiniPC, nome oficial (que non comercial) conta cun procesador Cortex A8 a 1,5 GHz, memoria interna de 4 GB (tamén hai opcións de 8 e 16 GB), 512 MB de RAM e conectividade WiFi (existe versión con conexión de cable RJ45). Ademais, dispón de 2 portos USB (normal e mini) e HDMI, que é a interface coa que conectaremos o Mini PC a unha pantalla.
Como sistema operativo trae Ice Cream Sandwich (4.0), o cal é unha grande vantaxe, porque permite instalar moitas aplicacións que están pensadas para tablet, que ao fin e ao cabo unha pantalla de televisión parécese máis a unha tablet ca a un teléfono.
O pack de venta inclúe o propio Mini PC, un cable USB, un cable HDMI para conectar á TV, o cable de alimentación e un pequeno adaptador de USBs. Cómpre salientar que se queremos empregar diferentes periféricos (rato, teclado…) que precisamos para o seu manexo deberemos ter un concentrador de USB (como un ladrón dos enchufes pero de USBs, que atoparemos en calquera tenda de electrónica por poucos euros).
Ao igual que cando iniciamos un smartphone ou tablet, o primeiro que temos que facer co Mini PC é vencellar unha conta de Google. Non é que sexa un paso imprescindíbel, pero si que é necesario para sacarlle todo o partido: con iso poderemos acceder á Play Store para facernos con aplicacións e tamén usar o correo electrónico etcétera.
Os usos que lle podemos sacar a este aparello son tantos como queiramos imaxinar: por exemplo, é posíbel usalo como reprodutor multimedia, xa que ademais de poder acceder ao contido a través de Internet podemos enchufarlle a través do USB un disco duro multimedia que teñamos por casa ou unha chave con diferente contido.
Tamén hai que ter en conta que, como calquera Android, podemos ter widgets de escritorio coa información que nos interese, vamos, que a televisión pode pasar a ser un verdadeiro centro de ocio conectado.
A nosa valoración deste produto é moi positiva, pareceunos unha ferramenta moi útil e un complemento perfecto para dotar ás nosas televisións de “intelixencia”. Este Mini PC pódese mercar por pouco máis de 50 euros nas tendas de Hardgalicia, quen nos prestou un destes dispositivos para poder analizar para vós.

Sobre o autor

Reply