Imos? GalApps lanza a nova guía social de Galiza

Xeolocalización, guías sociais… son termos que hoxe en día están en boca de todos, porque a popularización dos smartphones fai que se nos abran unha chea de posibilidades nas nosas viaxes e desprazamentos.

Temos falado varias veces no noso blogue de GalApps (os creadores de DicionarioGalego, ConxuGalego e TradutorGalego), que volven cunha nova aplicación, desta vez orientada a coñecer máis a fondo a nosa terra: Imos?

Imos? é unha guía social que nos achega os mellores furanchos, tabernas, casas de comidas ou praias e areais de Galiza, de tal xeito que se aínda que non coñezamos moi ben o lugar no que nos atopemos poderemos ver recomendacións que outros deixaron nos diferentes spots. Neste senso, pódenos lembrar a Foursquare, a popular aplicación de xeolocalización.

Cando miramos que lugares temos preto podemos escoller diferentes visualizacións, como lista por proximidade ou nun mapa cos puntos marcados, podendo ademais filtrar os diferentes tipos de spots dispoñíbeis que queremos ver.

Ao abrir un deses lugares para ver máis detalles (enderezo, localización exacta no mapa, teléfono…) achamos acceso directo a chamada (por exemplo, para que poidamos saber se teremos mesa libre) ou ao modo navegación para que nos leve até o lugar co GPS. Pero ademais tamén poderemos ler as opinións e valoracións que outros usuarios deixaron por nós e descubrir se paga a pena achegarse.

A parte máis social vén en que se trata dunha ferramenta colaborativa (i.e. social), tanto pola posibilidade de que todos podemos engadir as nosas opinións ou valoracións senón porque ademais, de non estar creado o sitio, poderemos engadilo nós mesmos para que outros usuarios poidan descubrilos.

Outras utilidades que atopamos interesantes son un Top 10 de lugares, ideal para aqueles usuarios que precisen unha axuda extra por indecisión ou a posibilidade de compartir os nosos descubrimentos cos nosos contactos das redes sociais.

Máis de 900 praias, centos de tabernas e furanchos, puntos de información turística… Imos? é unha completa guía que ademais ten unha vantaxe extra: funciona tamén sen conexión á rede. E é que parte da maxia de Galiza é que moitos dos mellores lugares aínda non teñen cobertura de móbil, non si?
Nome da aplicación: Imos?
Prezo: 0,89 €
Requerimentos: Android 2.2 ou superior
Desenvolvedor: GalApps
Descarga: Play Store

About The Author

Reply