Coñecendo os desenvolvedores: Alberto Alonso Ruibal

Con esta publicación principiamos unha serie de pequenas entrevistas a desenvolvedores galegos e de máis aló das nosas fronteiras, que teñen como obxectivo afondar no mundo das aplicacións Android, dar a coñecer e pór en valor o traballo destes heroes anónimos que día a día, e grazas ás súas apps, fannos a vida máis doada ou entretida.
Comezamos con Alberto Alonso Ruibal.
[Androficha]
 
Cóntanos, como te chamas? 
Alberto Alonso Ruibal
 
E de onde es? 
Nacín en Vigo, vivín en Chapela (Redondela) e hai uns aniños fixen unha casa en Ponteareas, onde vivo agora.
 
Algún lugar onde saber máis de ti? 
Teño un blogue en http://www.alonsoruibal.com, pero uso moito máis o Twitter (@albertoruibal) e a páxina da nosa empresa é http://www.mobialia.com.
 
[Entrevista]
 
Canto tempo levas facendo cousas para Android? Como comezaches? 
Pois comecei nas vacacións de Nadal de 2009 portando o meu motor de xadrez “Carballo Chess Engine” a Android, e así, pouco a pouco fun facendo máis aplicacións.
Fas aplicacións para outros sistemas operativos? Cales cres que son as vantaxes de facer cousas para Android? Cales as de outros sistemas operativos móbiles?
Fixen tamén aplicacións para iOS, BlackBerry e en HTML5. Para min as vantaxes de desenvolver aplicacións nativas para Android son a linguaxe Java, a miña favorita, o API de Android, que é moi completo e sinxelo, e as facilidades para adaptar as aplicacións e facer que funcionen en diversos dispositivos.
Que smartphones, tablets ou outros gadgets Android tes?
Teño un Galaxy Nexus que gañei nun concurso de aplicacións hai un ano e uso a diario para desenvolver. Tamén un Nexus One, unha HTC Magic, un tablet ExoPC con Android instalado e unha BlackBerry PlayBook na que executo aplicacións Android.
Cales son as túas oito aplicacións imprescindíbeis ou favoritas? (non valen as propias!)
A risco de non parecer moi friki, estas son as que máis uso: Chrome, Tweetdeck, Whatsapp, Google Maps, Google Drive, Droid48, Shazam e ES File Explorer.
Cales son, ao teu entender, os principais retos de Android para os próximos meses ou anos?
Dar o salto por unha parte ao escritorio (onde Google segue a apostar por ChromeOS) e por outra parte ás televisións con GoogleTV. Parece tamén que Google non quere seguir co liderazgo de Android e que pensan que nalgún momento do futuro as aplicacións HTML5 móbiles poden superar ás aplicacións Java.
Pódese vivir de facer aplicacións para móbiles?
Si, e de feito eu vivo de Android, pero igual que se pode vivir de facer páxinas web ou sistemas de xestión… vexo un pouco de euforia externa polo mundo das aplicacións, pero os que estamos dentro sabemos que non é doado gañar cartos. Coñezo moitos casos de xente e empresas que perden cartos coas súas aplicacións e poucos dos que si fan.
Hai varios xeitos de gañar a vida desenvolvendo para Android:
  • Traballar dentro dunha empresa que non é a túa… a que semella doado? Vai pensando en marchar, o máis preto, a Madrid ou Barcelona.
  • Desenvolver para terceiros (isto é B2B, Business to Business): vendes a túa carne e é o mesmo que se fixeras calquera outro desenvolvemento (web, de xestión, étc) para empresas, logo tes impagos, retrasos de proxectos, étc.
  • Desenvolver as túas propias aplicacións (B2C, Business to Consumer): aquí podes poñer a túa aplicación de balde e monetizar por anuncios (que non están mellor pagados que os anuncios na web) ou vender a túa aplicación ou ítems dentro da aplicación (In-App-Purchases), aquí si que a Play Store supón unha diferenza coa web, xa que é moi doado cobrar.
Que lle recomendarías a alguén que quere comezar a programar en Android?
Pois a páxina duns amigos, AndroCode, e que se apunten ao Google Developers Group de Vigo, no que organizamos actividades gratuítas relacionadas coas tecnoloxías de Google, principalmente Android e HTML5.

Se ti tamén es desenvolvedor Android podes contactar connosco a través de android(at)mallando(dot)com

Sobre o autor

Reply