Analizamos o LG Optimus L5

Nos últimos tempos estase a falar bastante da liña L-Style de LG, cuxo última incorporación, o L9, coñecimos hais uns días na súa presentación en España. Malia estar traballando en dispositivos moi avanzados, como o 4X, semella que a principal aposta para este 2012 do fabricante coreano foron os dispositivos de gama media, aínda que replantexados para ofrecer características en liña co camiño que seguían os máis avanzados, como as pantallas grandes.

Hoxe pasa pola nosa mesa de análise o L5, un dispositivo económico e que funciona moi ben. Coñezámolo máis a fondo.
Deseño, acabado e conexións.

O L5 aposta polas formas rectangulares, mantendo a tendencia de deseño que está a caracterizar a LG nos últimos tempos, e combinando acabados en plásticos con liñas metálicas que aportan unha sensación de maior calidade.

Na parte frontal do terminal companten protagonismo a pantalla cun único botón de presión, o central. Malia todo, están os botóns de menú e atrás integrados no marco da pantalla. 
A parte traseira está fabricada en plástico rugoso, o cal, ao agarrar o terminal, aporta gran sensación de seguridade (de que non vai saír voando o teléfono á primeira de cambio). Nela atopamos a cámara traseira con flash LED e o altavoz. A parte interior desta tapa incorpora o chip NFC.

O lateral esquerdo integra os botóns de subir/baixar volume e a parte superior o conector jack 3,5 e o botón de acendido. Xa na parte inferior atopamos o microUSB e o micrófono.
Pantalla
A pantalla é de 4 polgadas e ten unha resolución de 320 x 480. Está claro que non é a mellor das resolucións para unha pantalla dese tamaño, pero temos que ter en conta que a pantalla é un dos elementos que máis encarecen un smartphone e, como dixemos antes, estamos falando dun dispositivo económico.

Iso non quere dicir que se vexa mal, todo o contrario: achega uns resultados bos e unha visibilidade envexábel en entornos de alta claridade.
Sistema operativo
Outro punto a favor deste terminal é o sistema operativo. Incorpora Android 4.0, Ice Cream Sandwich. Non podemos garantir que LG vaia actualizar ou non a versións posteriores, pero que conte con ICS é positivo porque se trata dunha versión “de corte” de Android, con moitas aplicacións pensadas para disfrutar a partir desda versión, polo que poden ser empregadas sen problema no L5.
Ademais conta con personalización propia de LG, non excesivamente invasiva.
Cámara
A cámara deste terminal é de 5 megapíxeles e conta con bastantes opcións de modos de funcionamento e toma de imaxe. Os resultados son positivos en canto a calidade, tampouco nada destacábel, na liña de outros produtos semellantes.
Sorprende que non conte con cámara frontal, imaxinamos que por aforro en custe de fabricación; así mesmo, un aspecto negativo é que non se pode eliminar o sonido do obturador, nin tan sequera co móbil en silencio (pódense escoller 4 sons diferentes, iso si).

Batería
A batería é de 1540 mAh, que vén a ser nin moito nin pouco, o normal. Para un uso intensivo acabamos o día sen problemas.

Conclusións

Como terminal para un usuario de redes sociais e programas de mensaxería é un terminal máis que interesante. O seu procesador é de 800 MHz, mononúcleo e a memoria interna de 4 GB, aínda que realmente só 2,5 están dispoñíbeis para o usuario. Vamos, que a memoria non vai ser un problema para poder instalar todo tipo de aplicacións, porque ademais pódese ampliar en 32 GB extra a través de microSD.

Resumindo, é un dispositivo recomendábel para o público xeral, mais non para usuarios avanzados (entendidos estes como os que fan algo máis que redesocialear e whatsappear).

R, quen nos prestou este terminal para facer a análise, ten dispoñíbel este terminal a 0 € para consumos de 29 €/mes + IVE

Sobre o autor

Reply