Coñecendo os desenvolvedores: Xurxo Méndez

Chegamos á terceira entrega das entrevistas aos desenvolvedores. Esta semana falamos con Xurxo Méndez.
[Androficha]

Cóntanos, como te chamas?
Xurxo Méndez, aínda que adoito usar ‘sonxurxo’ como pseudónimo.
E de onde es?
Nacín en Ourense e levo na Coruña uns 12 anos.
Algún sitio onde saber máis de ti?
Teño un blogue en http://blog.sonxurxo.com, que manteño o máis que podo (que é pouco), e no Twitter pódeseme atopar co usuario @sonxurxo.
[Entrevista]

Canto tempo levas facendo cousas para Android? Como comezaches?
Levo xa 4 anos largos. Comecei co Proxecto Fin de Carreira en 2008 (cando inda non había nin móbiles con Android), un xogo multixogador para Android en tempo real e realidade aumentada.  
Fas aplicacións para outros sistemas operativos? Cales cres que son as vantaxes de facer cousas para Android? Cales as de outros sistemas operativos móbiles?
Tamén desenvolvo para iOS (iPhone, iPod e iPad).
As vantaxes de programar para Android son claras: é aberto. Iso implica moita máis documentación, en moitos casos os bugs que poidan ter as ferramentas arránxanse con máis dilixencia. Tamén diría que o feito de programar en Java fai que a curva de aprendizaxe para moita xente sexa máis rápida, aínda que non sempre ten que ser así. 
Como principais inconvintes destacaría dous aspectos. En primeiro lugar, e para min o máis importante, a elevada fragmentación existente no que a dispositivos físicos se refire. Isto, en moitos casos, pode chegar a ser un inferno á hora de desenvolver unha aplicación (milleiros de pantallas, cada unha coa súa resolución e coa súa densidade de píxeles, etc.). En segundo lugar, penso que chegar a facer unha aplicación vistosa é moito máis custoso en Android que en iOS, plataforma na que, na miña opinión, podes acadar uns resultados moi vistosos graficamente sen apenas esforzo.

Que smartphones, tablets ou outros gadgets Android tes?
Teño un Samsung Galaxy SII.

Cales son as túas oito aplicacións imprescindíbeis ou favoritas? (non valen as propias!).
Son bastante clásico: GMail, WhatsApp, agora o LINE, Twitter, Dropbox, Ceramic Destroyer, Camera Zoom FX e “Chove?”

Cales son, ao teu entender, os principais retos de Android para os próximos meses ou anos?
Penso que deben esforzarse en unificar a plataforma sen perder a diversidade que os caracteriza e que, por outra banda, é un dos seus principais valores. Unificala en dous sentidos: de cara ao desenvolvedor, deberían tratar de mellorar certos aspectos (deseño de interfaces, por exemplo) para que sexa máis doado dar soporte aos distintos dispositivos; e de cara ao usuario, deberían traballar en que a experiencia de usuario sexa o máis converxente posible, tanto se tes na man un móbil de gama baixa como se tes o máis avanzado tablet do mercado.
Pódese vivir de facer aplicacións para móbiles?
Contan por aí que si hahaha… Agora en serio, é difícil atopar un bo modelo de negocio, e non todo o mundo o consegue. Espero que se me volvedes preguntar dentro de un ano poida asegurar sen miramentos que si.

Que lle recomendarías a alguén que quere comezar a programar en Android?
En abstracto: supoño que como en calquera tecnoloxía, que teña paciencia, que se esforce. Hai que adicarlle moitas, moitísimas horas, é moi importante ter a mente moi aberta a todo, e por riba de todo, nunca cansar de aprender cousas, porque o ritmo ao que vai evolucionando este mundo obrígate a non quedar parado. 
En concreto: que busque titoriais, que os hai a milleiros, que descargue aplicacións de código aberto para ver como o fixeron outros antes, e que adiante, que xa verá o pouco que tarda en facer cousas interesantes.

Algo que deixes no tinteiro e queiras comentar?
Só agradecervos a vosa iniciativa e en xeral o voso apoio. 
Se ti tamén es desenvolvedor podes contactar connosco en android(at)mallando.com

Sobre o autor

Reply