Asus e LG amosan as súas apostas en GoogleTV #ces2013

Estes días pasados xa vos fomos adiantando que os fabricantes estaban a ultimar o que presentarían no primeiro gran evento tecnolóxico do ano, o CES de Las Vegas. Pois nada máis comezalo xa descubrimos as novidades en Google TV de dous fabricantes relevantes do panorama Android, Asus e LG.
Qube: smart TV, pero smart de verdade
O primeiro deles, Asus, vén de descubrirnos Qube, o primeiro trebello de Google TV do fabricante asiático, que vai un paso máis aló do que coñeciamos até o de agora no que a Smart TV se refire.
Para comezar, atopámonos cun deseño innovador neste tipo de aparellos. E é que o Qube, como podedes intuír do seu nome, ten forma cúbica. Pero o nome do aparello tamén é o nome da capa de personalización software que introduce Asus. Malia todo, o que realmente é innovador é a presenza dun mando a distancia capaz de analizar os movementos para o seu control. Vamos, que pretenden xubilar o mando de numeriños de toda a vida…
Entre outros aspectos, tamén destaca os 50 GB de almacenaxe na nube, porque do hardware que incorpora aínda non sabemos nada.
Nova liña de Google TVs de LG
Imaxe, Phandroid
Pola súa banda, LG achega a Las Vegas varios modelos das súas GoogleTV, achegando varios tamaños (42, 47, 50, 55 e 60 polgadas) e incorporando Google TV 3.0. Pouco máis podemos adiantar polo momento destas televisións, mais para que vos fagades unha idea do que dá de si Google TV, deixámosvos un vídeo explicativo.
Nos próximos días, segundo vaia saíndo máis información sobre estes e outros produtos que se presenten no CES, irémosvos comentando. Mais, co que xa sabemos, como pensades que se perfila o futuro de Google TV?

Sobre o autor

Reply