Polaroid e Acer amosan as súas propostas en tablets para o 2013

Se atendemos ao que estamos a ver no CES podemos augurar que o 2013 será o ano dos tabletphones de 5 polgadas. Sen embargo, seguen aparecendo propostas nos sectores tablet e smartphone máis ca interesantes.
É o caso dos novos produtos de Acer, o coñecido fabricante de computadores, e Polaroid, a quen coñecemos maioritariamente polo mundo da fotografía, que presentaron sendas tablets de 7 e 10 polgadas respectivamente.
Acer Iconia B1
A aposta de Acer para o 2013 arranca cun novo dispositivo da serie Iconia, a súa liña de produtos Android. Trátase do Iconia B1, que chega para competir no sector das 7 polgadas apostando por prezos axustados e un hardware básico.
Dispón dun procesador de dobre núcleo de 1,2 GHz e pantalla de 7 polgadas con resolución 1024 x 600 píxeles. A súa memoria interna, ampliábel por microSD de até 32 GB, é de 8 GB, a batería de 2710 mAh e a cámara (frontal) de 0,3 megapíxeles.
Como sistema operativo implementa Jelly Bean (Android 4.1) e só disporá de versión WiFi. Quizais o aspecto máis chamativo é o seu prezo, 119 euros, e a súa pronta dispoñibilidade no noso País, pois xa estará nas tendas no próximo mes de febreiro.

Polaroid M10

Pola súa banda, Polaroid introduce a M10 como unha tablet de 10 polgadas e resolución 1280 x 800 píxeles. Dispón dun procesador de 4 núcleos, 16 GB de memoria interna (ampliábeis +32 GB por microSD) e dobre cámara, a principal de 5 megapíxeles e a frontal de 2.

Destaca a presenza de saída HDMI, aínda que ao igual que acontece co produto de Acer unicamente haberá versión WiFi. Corre Androdi 4.1 (Jelly Bean) e o seu prezo rondará os 180 euros.

Como vedes, en ambos casos estamos a falar de produtos accesíbeis que permitirán romper a fenda tecnolóxica imposta até agora polos grandes fabricantes.

Sobre o autor

No Responses

Reply