Walkie-Talkies con Android, unha realidade grazas a Runbo

Os walkie-talkie seguen a ter gran protagonismo hoxe en día, ademais de que cada pouco tempo atopamos novos modelos que incorporan interesantes novidades. Malia todo, non son presentados en eventos cheos de adornos como os smartphones, por ser de interese para un grupo máis reducido (e específico) da poboación.
O fabricante Rumbo deixou ver no CES de Las Vegas dous novos modelos de walkie-talkie que chamaron a nosa atención por incorporar Android: son os Qwerty X3 e X5.
O X5 dispón de pantalla IPS táctil de 4,3 polgadas (800 x 480 de resolución), procesador dual core, 1 GB de memoria RAM, 4 GB de memoria interna e unha cámara traseira de 8 megapíxeles. A súa batería é de 3800 mAh e corre Android 4.0.4 (Ice Cream Sandwich).
Pola súa banda o Qwerty X3 diferénciase do anterior en posuír teclado completo (qwerty) e unha pantalla sensibelmente menor, de 3,5 polgadas.
Pero o que realmente fai especiais a estes smartphones é que posúen a capacidade de transmisión radio walkie-talkie, ademais de dispor dunha carcasa lateral e traseira de goma que os protexe contra todo tipo de golpes. Tamén contan con certificación IP67, a cal garante a sumerxión en auga a 1 metro de profundidade durante 30 minutos.
Estarán dispoñíbeis a partir do mes que vén a través de Amazon por un PVP que rondará os 350 dólares, un prezo bastante competitivo tendo en conta as características especiais destes terminais.

Sobre o autor

Reply