Coñecendo os desenvolvedores: Adrián Moreno Peña

Pechando este primeiro ciclo de entrevistas a desenvolvedores, falamos con Adrián Moreno Peña

[Androficha]
Cóntanos, como te chamas?
Son Adrián Moreno peña, aínda que por Internet son máis coñecido polo impronunciable nick, “zetxek”.
E de onde es?
Levo vivindo varios anos en Santiago de Compostela, aínda que antes vivín en varios sitios de Galicia (Ribeira, Ortigueira… ) e nacín en Madrid. Desenvolvo a miña actividade profesional ao lado de Santiago, no Milladoiro.
Algún lugar onde saber máis de ti?
Nalgún dos múltiples perfís online ou webs. Pódeseme atopar no Twitter, LinkedIn, Facebook, na miña páxina profesional/CV, na web da miña empresa ou no meu (máis ben pouco activo) blogue persoal.
[Entrevista]

Canto tempo levas facendo cousas para Android? Como comezaches?

Comecei a interesarme pola plataforma de desenvolvemento de Android no verán do 2010. Sendo un informático bastante curioso, tiña interese por coñecer as opcións de desenvolvemento que daba Android, e comcei facendo algunha pequena app (non publicada) para o móbil que tiña daquela, un HTC Magic. Era un mundo cheo de novas posibilidades, aínda que evolucionou moito desde aquela en todos os aspectos (terminais, SDK, comunidade, ferramentas dispoñibles…), xa que no mundo do móbil hai unha grande evolución practicamente cada medio ano. Hai que estar moi ao día ou acabas desfasado case sen te dar conta.
Os comezos foron facendo desenvolvementos pequenos, coma hobbie no tempo persoal, pero o hobbie pouco a pouco foi medrando até que fundei xunto co meu socio Zadia Software, unha empresa na que nos especializamos en desenvolvemento móbil (sobre todo Android e iOS), para levar a cabo proxectos da xente que ten ideas pero non ten medios técnicos para levalas a cabo.
Fas aplicacións para outros sistemas operativos? Cales cres que son as vantaxes de facer cousas para Android? Cales as de outros sistemas operativos?
Desenvolvo para todo tipo de plataformas móbiles, incluíndo iPhone/iPad, Android, BlackBerry, Windows Phone, lectores de libros dixitais… e tamén desenvolvemento web e web móbil coas últimas ferramentas (HTML5 + Javascript + CSS). En xeral programo para calquera cousa que leve unha pantalla (e non é un requisito imprescindible!).
A vantaxe de Android é o gran número de dispositivos onde se vai poder executar a túa aplicación, desde móbiles de gama baixa a tablets ou pantallas de TV, e as poucas restricións que hai no uso das funcionalidades coas que conta o dispositivo (GPS, CPU, memoria, pantalla…). Logo hai que ter en conta aquilo que lle dicían a Spiderman: “un gran poder conleva unha gran responsabilidade”, e de utilizar os recursos do teléfono con sentidiño para non esgotar a batería sen que o usuario saiba que pasou!
iOS é o gran rival de Android, e ten cousas moi cómodas, como que as probas redúcense a unha selección de dispositivos moito menor, a costa de ceder o control de que podes facer e como podes facelo a Apple. Digamos que iOS é unha “gaiola de ouro”, porque tamén é máis doado conseguir que a xente pague por aplicacións móbiles.
En canto a BlackBerry ou Windows Phone, son rivais secundarios, de momento non moi relevantes. Necesitan conseguir máis usuarios coas novas reinvencións (BlackBerry OS 10, que virá con novos móbiles) e Windows Phone 8 (con alianza de Nokia), porque senón aos desenvolvedores non nos vai interesar estar aí, por moito que nos dean plataformas interesantes.
Que smartphones, tablets ou outros gadgets Android tes?

Utilizo principalmente o meu móbil que uso a diario, un HTC One X. Pero como en Android é case imprescindíbel facer probas con distintos tipos de terminais, pola oficina andan un Asus Transformer, un Sony Ericsson Xperia Mini Pro, un HTC Wildfire, un LG Optimus 2X, un tablet Android chinés (sen marca) e tamén unha tablet de BlackBerry (PlayBook) que executa apps Android.
Cales son as túas oito aplicacións imprescindíbeis ou favoritas? (non valen as propias!).

Gústanme moito as aplicacións sociais e as que permiten xogar coa cámara con efectos ou filtros. Algunhas das que uso máis frecuentemente…
E quero mencionar unha aplicación que, aínda que non me é imprescindible, pode ser moi útil para os que comecen a desenvolver para Android para coñecer ferramentas e librarías de código aberto: Android UI Patterns.
Cales son, ao teu entender, os principais retos de Android para os próximos meses ou anos?

Dalgún xeito terá que dar o salto á TV, fusionándose con Google TV ou absorvendo a plataforma. E coma pasou cos tablets, Android terá que dar algunhas solucións para que os desenvolvedores podamos adaptar as aplicacións a este novo formato (formas de introducir texto e interactuar cos elementos en pantalla, por exemplo).

Doutra banda, sería interesante ver que Google toma máis control de Android como plataforma, evitando as longas esperas que os fabricantes impoñen á hora de actualizar os seus terminais. Non ten sentido que Google se esforce en avanzar a plataforma Android para dotala de novas funcionalidades se estas nunca chegan aos terminais, ou tardan meses e anos.

Pódese vivir de facer aplicacións para móbiles?

Claro que si, pero que ninguén pense que lle van chover euros simplesmente por publicar unha pequena aplicación no Google Play. Coma en tdoo, é necesario un esforzo, pero en Zadia Software, a empresa da que son socio, vivimos principalmente de facer aplicacións para terceiros, e tamén temos casos próximos de desenvolvedores que viven das súas creacións, coma Alberto Ruibal. 
Que lle recomendarías a alguén que quere comezar a programar en Android?

Moi importante é facerse con dispositivos Android, porque probar aplicacións sobre os emuladores é frustrante polo lento que resulta. Logo, aprender algo de Java se non se coñece, entrar na web para desenvolvedores de Android e comezar a xogar con algúns exemplos para ir collendo soltura.
Despois, segundo vaian xurdindo dúbidas, aproveitar os recursos que dá Internet para aprender. Unha gran opción son os grupos de desenvolvedores, coma o grupo Galicia Mobile Development, no que os “veteranos” estaremos encantados de poder botar unha man á xente que comeza no desenvolvemento móbil.
Algo que deixes no tinteiro e queiras comentar?

Animo a todos os informáticos interesados polo mundo móbil a que comecen a facer probas. Que intenten levar algunha idea a cabo, e a aprendizaxe irá xurdindo polo camiño. Este é un mundo moi interesante e está todo por facer!
Se ti tamén es desenvolvedor Android podes contactar connosco a través de android(at)mallando(dot)com

Sobre o autor

Reply