Analizamos o Nexus 4, o último terminal pure Google.

Moito se falou nos últimos meses do Nexus 4, aínda que maioritariamente mal. E é que Google presentou o seu smartphone de referencia a finais de outubro cun obxetivo: poñer o último en hardware co último en software a un prezo asequíbel: 299 ou 349 €, nun dispositivo chamado a rondar os 500 €.
E que pasou? Pois iso xa o sabemos todos: aos poucos minutos de abrirse a venda o 13 de novembro esgotáronse todas as unidades e ninguén volveu saber nada máis del. E van 2 meses. Desde logo a imaxe de LG (fabricante) e Google quedaron polo chan.

Pero, temas de distribución á parte, miraremos neste post de centrarnos na análise do terminal, que é o que estamos desexando.
Deseño, acabado e conexións
Se algo chama a atención cando collemos un Nexus 4 é o seu coidado deseño. Vemos un salto cualitativo nos acabados e materiais, desaparecendo o plástico para dar a benvida ao cristal, por diante na pantalla e por detrás na caracasa, con certos brillos en cuadrícula e a palabra “Nexus” gravada de xeito ben visíbel.
A parte frontal conta unicamente coa pantalla e a cámara dianteira, mentres que na traseira aparece a cámara principal e o seu flash LED. O lateral esquerdo queda reservado para os botóns de volume e a ranura de microSIM, mentres que no lado oposto temos o botón do acendido. O conector de jack 3.5 sitúase na parte superior e conector microUSB na inferior.

Como todo Android de alta gama inclúe chip NFC, que facilita as cousas á hora de transmitir datos entre terminais usando Android Beam, entre moitas outras cousas relacionadas coa autentificación que noutros países empregan moito máis que acó…

Rematando a parte adicada ao deseño, destacamos a sensación de compacto do terminal ao telo na man, algo que comparte cos dispositivos que están a saír e non teñen a batería extraíbel. Como contrapunto, os acabados en cristal fan que resulte esvaradizo, non na man, senón ao apoialo en calquera superficie non 100% horizontal, polo que hai que ter ollo se non queremos que o terminal vaia para o chan cada dous por tres.

Pantalla
O Nexus 4 sumouse á tendencia dos terminais punteiro do panorama Android: ter pantalla grande. E é que, por moito que se diga, non é o mesmo disfrutar do contido en 3,5 ou en 4 polgadas. Deste xeito, o novo dispositivo de Google incorpora unha pantalla de 4,7 polgadas e resolución 1280 x 768 píxeles (320 ppp).
Como medida de protección incorpora Gorilla Glass, que evita pequenos golpes e raiaduras. Pero ademáis é destacábel a súa gran calidade de cores e brillo, acadando uns resultados máis que envexábeis en condicións de luminosidade, nomeadamente en exteriores.
Sistema operativo
Se hai algo que caracteriza aos Nexus é o sistema operativo. Por iso, este terminal serviu para presentar unha nova versión de Android, 4.2, unha revisión de Jelly Bean que non incorpora grandes novidades, as principais son as que seguen:
  • Photosphere: un novo concepto de panorámicas, que permite levar facer panorámicas esféricas, estilo “Street View”, como veremos no apartado adicado á cámara.
  • Menú de configuración: despregando as notificacións pódese acceder rapidamente a un menú que nos dá acceso á configuración de redes e conectividade.
  • Widgets en pantalla de bloqueo: achégase a posibilidade de introducir os widgets nas pantallas de bloqueo, algo que resulta tremendamente útil.

Cámara

En canto a cámaras, como vos comentamos, dispón de 2:  a frontal é de 1,3 megapíxeles e a principal de 8. Ningunha delas destaca especialmente pola súa calidade, é dicir, fan fotos que están ben pero que quedan lonxe da dos últimos modelos de Samsung, HTC ou, sobre todo, Sony.

Como podedes ver na imaxe anterior, o menú da cámara vese actualizado con novas opcións, as que engade Android 4.2. Pero sen lugar a dúbidas o máis destacábel da cámara é a función Photosphere, que permite sacar unha foto esférica, algo semellante ao que vemos cando navegamos polos mapas de Google a través do Street View.

A montaxe dunha imaxe con Photosphere é totalmente guiada; unha vez sacamos a primeira fotografía só teremos que ir movéndonos arredor trazando unha esfera á vez que centramos a cámara nuns puntiños que nos van saíndo na pantalla, onde o teléfono saca as fotos que comporán a panorámica automaticamente.

O resultado de sacar fotos con este procedemento é semellante ao de situarnos nun punto de Google Maps e activar a vista Street View. De feito, á hora de compartir a imaxe esférica redúcensenos as opcións, as máis destacadas son Google+ e Google Maps. No segundo caso as imaxes pasan a ser públicas en Maps para quen escolla o modo Street View, aparecendo co noso Copyright.

Os usuarios da rede social galega Cabozo tamén poden compartir nela as súas imaxes de Photosphere, seguindo as instrucións desta páxina que nos fixo chegar @LexnaLof

A continuación tedes unhas ligazóns para que poidades ver algún que outro exemplo que fixemos con Photosphere:

Como vedes, aínda fai falla pulir o tema un pouco, porque as imaxes teñen algún que outro erro, pero desde logo é unha función moi interesante.
Batería
Desta vez o Nexus non ten batería extraíbel, algo que parece ser unha tendencia nos smartphones actuais. En Mallando no Android non nos acaba de convencer isto, xa que imposibilita que os usuarios poidan mudala no caso de que falle ou queiran ter unha batería extra (a pesar de que existan infinidade de baterías externas que poder mercarlle).
Malia todo, os 2100 mAh dos que dispón otórganlle unha autonomía abonda para rematar o día sen problemas.
Conclusións
Non cabe dúbida de que estamos ante o que seguramente sexa o terminal con mellor relación calidade/prezo do mercado. O seu procesador de catro núcleos SnapDragon S4 Pro a 1,5 GHz, xunto aos seus 2 GB de RAM fan que o terminal funcione con total fluídez. Resulta moi interesante a posibilidade ofrecida de ter versións de 8  16 GB, segundo cal sexa o noso perfil de usuario.

Nada máis que engadir no que ten a ver con software; sabendo que se trata dun Nexus teremos a garantía de que seremos os primeiros en ter as últimas versións do sistema operativo (até que Google decida “xubilar” o teléfono).

Na parte negativa situamos a cámara, que podía ser mellorábel, e a dispoñibilidade. Fálase, rumoréase, que podería estar en fabricación unha versión renovada… outras linguas apuntan a que volverá, tal cual,  a comezos de febreiro.

Sexa como sexa, de volver estar dispoñíbel, será a través da Play Store.

Sobre o autor

No Responses

Reply