MWC: Que é, que veremos e que fará aló Mallando no Android

Levamos xa unhas cantas semanas falando no noso blogue do Mobile World Congress 2013 ou MWC 2013 (#mwc13), a maior feira sobre telefonía móbil do mundo que se celebrará un ano máis en Barcelona, entre os días 25 de febreiro e 1 de marzo. Nela trazaranse as principais liñas de actuación do sector para este 2013, ademais de servir de platarforma de lanzamento de varios dos dispositivos que se comercializarán nos próximos meses.
Este ano, o MWC incorpora diversas novidades, partindo dun cambio de localización que fará que se batan todos os récords de cifras. Por salientar algúns destes números, estamos a falar de:
  • Máis de 700.000 participantes de máis de 200 países.
  • Máis de 1.500 empresas, 113 españolas.
  • Máis de 94.000 metros cadrados de exposición.
  • 280 keynotes
Pero independentemente destas cifras de infarto, o principal é o que poderemos ver na feira, que este ano estará dominada por Android, a conectividade LTE e o NFC. Nesta liña, descubriremos novos smartphones, tablets e outros gadgets co sistema operativo móbil de Google que trazarán o camiño cara o Internet das cousas e descubrirannos avances en características hardware e software. Tamén veremos o último en sistemas de pagamento sen fíos e interconexión de dispositivos ou as últimas tendencias en transmisión sen fíos a alta velocidade.
Mais tamén esperamos ver as novidades de Ubuntu Phone, o novo sistema operativo móbil de Canonical ou o Firefox OS, sistema operativo polo que aposta Telefónica e Geeksphone, fabricante que até hai ben pouquiño traballaba con Android.
Por poñer a nota negativa, Google / Android non contará con stand propio na feira este ano; malia todo, si que estará gran parte do equipo Android, pero distribuído polos stands dos diferentes partners (fabricantes) que traballan co noso sistema operativo móbil favorito. Destaca tamén a ausencia de BlackBerry (RIM), quen se de adiantou ao evento presentando os seus novos dispositivos, ou Apple, que nunca aparece por este tipo de eventos.
Mallando no Android desprazarase un ano máis até a capital catalana para facer un seguimento en directo de todas as novidades que aló se presenten, das que daremos puntual información no noso blogue, ademais de facer seguemento polas redes sociais, principalmente polo Twitter de @mallandroid ou @iagovarela.
Así mesmo, se nos ledes desde Barcelona e queredes que nos vexamos ou sodes algún medio de comunicación e queredes información de primeira man desde aló, non dubidedes en contactar connosco. Podedes ver como facelo neste enlace.
Xa sabedes, en menos de dúas semanas podedes seguir connosco o maior evento de telefonía móbil do mundo e descubrir o que nos ten que o New Mobile Horizon.

Sobre o autor

Reply