LG adianta os dispositivos da serie F

Parece que LG non quere gardar sorpresas para o Mobile World Congress; se hai uns días filtraba infromación sobre a continuidade da serie L, tal e como vos contamos no blogue, hoxe fai pública a chegada da serie F, á que se incorporan o Optimus F5 e o F7.
Optimus F5
Ambos os dous destacan por vir dotados de tecnoloxía 4G – LTE, redes que aínda se atopan en fase de probas no territorio español, polo que o máis probábel é que non aparezan por este mercado. Tamén comparten versión do sistema operativo, ao vir dotados de Android 4.1.2 Jelly Bean con características extra de LG, como QSlide (compartir pantalla por 2 aplicacións) ou Live Zooming (permite facer zoom dunha zona do vídeo sen parar a reprodución)
O Optimus F5 vén con pantalla IPS de 4,3 polgadas, procesador de dobre núcleo a 1,2 GHz e 2150 mAh de batería. Dispón de dobre cámara (5 e 1,3 megapíxeles), 8 GB de memoria interna (ampliábeis por microSD de até 32 Gb extra) e 1 GB de RAM.
Optimus F7
Pola súa banda, o F7 incorpora pantalla de alta definición True HD IPS de 4,7 polgadas, procesador de dobre núcleo a 1,5 GHz, e batería de 2540 mAh. Conta con 8 GB de memoria interna (con slot para microSD de até 32 GB), 2 GB de memoria RAM e cámaras de 8 e 1,3 megapíxeles.
O F5 chegará a algúns países europeos durante o segundo trimestre do ano; pouco despois faráo o F7.

Sobre o autor

Reply