LG presenta a súa gama de terminais para o 2013

Este ano no Mobile World Congress non se viron grandiosas presentacións, aínda que si unha chea de cousas interesantes que vos estamos a contar estes días e tamén vos iremos comentando nas vindeiras xornadas, logo de que pasen estes dás tan frenéticos e nos que basicamente estamos a recoller moitísima información para analizar con calma.
Optimus G (abaixo), Optimus L7 II e Optimus L5 II (arriba)
Hoxe estivemos falando coa xente de LG nunha xuntanza en petit comité na que puidemos trastear cos principais terminais que traen para este ano e na que compartimos unha boa charla.
Primeiro fixéronnos unha pequena presentación sobre a marca e o conquerido nos últimos meses, no que destacan os 15 millóns de terminais vendidos globalmente da serie L (máis dun millón en España), o que os sitúa no terceiro posto de fabricantes de smartphones do Estado (2º no sector de libres).
Entre os obxetivos que desde a compañía coreana establecen para este 2013 están a consolidación dese posto e subir postos na gama alta ou premium, para o que presentan o Optimus G, agora mesmo o tope de gama (do que veremos no mercado Europeo, xa que en Asia existe unha versión superior, Optimus G Pro).
O Optimus G conta cunha pantalla de 4,7 polgadas IPS, con resolución de 1280 x 768 e proteción Gorilla Glass. Inclúe tamén unha tecnoloxía chamada ZeroGap Touchh, que elimina 2 capas no cristal para conseguir maior brillo e unha maior experiencia sensorial que se nota de verdade.
A cámara principal é de 13 megapíxeles, mellorando notabelmente a que ten o Nexus 4, tamén fabricado por LG. Ademais, inclúe diferentes funcións como Time Catch Shot (saca fotos 2 segundos antes de pulsar a tecla), Smart Shutter (corrixe imaxes borrosas en movemento), Live Shot (sacar fotos á vez que se grava vídeo), Noise Reduction (reduce ruído en entornos escuros) e Continuous Shot (para disparar a ráfagas).
En canto ao sistema operativo, o Optimus G vén con Android 4.1 Jelly Bean, actualizábel a próximas versións, ademais de contar coa típica capa de personalización de LG. Pero ademais introduce novas e melloradas aplicacións para facilitar as cousas aos usuarios:
  • Qslide: permite transparentar a pantalla para superpoñer aplicacións (pódese facer con vídeo, navegador, calendario, notas ou calculadora)
  • Live Zooming: permite facer zoom nun vídeo sen deter a reprodución.
  • Quick Memo: mellórase para tomar notas, por exemplo, durane as chamadas.
  • Screen Zooming: permite ampliar a pantalla en determinadas aplicacións (email, calendario, contactos, rexistro de chamadas, galería, música…)
  • Safety Care: permite programar accións para aviso no caso de que aconteza algo (que non se use o terminal en X tempo, cando está quedando sen batería…)
A batería é de 2100 mAh, interna. E tendo en conta iso mellorárona para aumentar os ciclos de carga optimizados a 800 (habitualmente anda arredor dos 500), isto é, que poderemos cargar o móbil completamente unhas 800 veces antes de comezar a notar perda da capacidade.
Polo demais, ten un procesador de catro núcleos a 1,5 GHz e uns acabados con gran sensación de calidade; a parte posterior ten un ribeteado semellante ao Nexus 4. Estará dispoñíbel no mes de abril por 649 €.
Serie L

Parte da serie L tamén se renova, en concreto os L3, L5 e L7, que contan con versión “II”. Melloran en xeral as súas características, tal e como vemos na seguinte imaxe e como xa vos adiantáramos, pero manterán uns prezos semellantes aos que teñen os actuais (O L3 por baixo dos 100 euros, o L5 arredor dos 150 e o L7 arredor dos 200) e todos saen con Jelly Bean.
Tamén se melloran os acabados, estando dispoñíbel en diferentes cores e rugosidades. Agárdase que estén a venda a mediados de ano.
Ademais desta gama, tamén presentan a F, con características semellantes aos da L pero pensados para os mercados con 4G – LTE. Por certo, o Optimus G é LTE ready, pero vén capado a esperas de que se comercialicen ese tipo de redes no noso país.

Sobre o autor

Reply