Motorola, a pantasma do Mobile World Congress

Este ano houbo notadas ausencias no Mobile World Congress. BlackBerry, por exemplo, pasou de ter un gran stand a reunirse discretamente con algunha xente nunha sala dun hotel próximo á Fira de Barcelona, ou Google, quen dixo non ter un stand para dar o protagonismo aos fabricantes, pero que aínda así o seu equipo andaría por aló.
Andar andaría, pero moito non se lles veu, aínda que algúns como Ismael Reyes, captaron a un tipo levando as Google Glass.
Quen si estivo presente foi Motorola. Mellor dito, tivo un stand. E como era? Pois de tamaño medio, ben decoradiño… pero desanxelado, baleiro de contido máis aló de catro dispositivos xa coñecidos por todos.
A verdade é que desde que Motorola foi adquirida por Google nunha multimillonaria operación no medio da guerra das patentes (a compra foi un movemento estratéxico do buscador para facerse coas patentes dunha compañía líder no sector da telefonía móbil) pouco se volveu falar deste fabricante. E o que se falou foi para dar malas novas.
Así, por exemplo, cara finais do ano pasado soubemos do cese de operacións en varios países como España, onde a compañía conseguira bos resultados con moitos terminais. Segundo afirmaron, tiñan pouco beneficio e non lles compensaba manter a infraestrutura.
Daquela, que pasa con Motorola? A resposta non é doada. Fálase moito (rumoréase) de que estaría traballando no Nexus X, o seguinte dispositivo pure Google que atendendo a especificacións podería ser a repanocha. Pero, doutra banda, hai que ter en conta que Google depende de todos os fabricantes para que Android sexa íder e continúe a se expandir, polo que non sería bo concentrar a actividade no fabricante do propio buscador.
No día que pecha a feira máis importante da telefonía móbil só nos queda agardar que ao longo deste ano ou na próxima edición volvamos ter a Motorola (ou no que derive) na posición relevante que lle corresponde.

About The Author

Reply