Xa é oficial, presentámosvos o novo Samsung Galaxy S IV

Moi poucas sorpresas na keynote (deberíamos dicir obra de teatro?) de presentación do último membro da familia Galaxy S. O novo buque insignia de Samsung, o Galaxy S IV, chega con dous obxectivos moi claros: seguir revolucionando o mercado dos smartphones de alta gama e bater os records de vendas, como foron facendo sucesivamente os seus predecesores.

E faino aportando poucas novidades en deseño e materiais, onde seguen a manter os plásticos, con acabados rugosos desta vez, e unha pequena liña metálica. O que si, conséguese reducir o seu grosor até os 7,9 mm e o peso até os 130 gramos.

En canto a características técnicas, a pantalla é de 5 polgadas, Full HD SuperAMOLED con matriz non Pentile e 441 ppp. O procesador é un Exynos Octa de 8 núcleos a 1,8 GHz e dispón de 2 GB de memoria RAM e versións de 16/32/64 GB de memoria interna, sempre ampliábeis por microSD de até 64 GB.

No apartado de cámaras, a principal é de 13 megapíxeles, con Flash LED e gravación en Full HD e HDR, sendo o sensor un Sony Exmor RS (o mesmo que ten o Xperia Z). A cámara frontal quédase nos 2 megapíxeles. Neste senso, introducen varias funcionalidades, como Drama Shot (100 disparos en 4 segundos), Camera And Sound (permite gardar a imaxe cun pequeno anaco de audio) ou a funcionabilidade PIP (unha imaxe formada con fotos sacadas por ambas cámaras á vez).

A batería medra até os 2600 mAh, unha das maiores capacidades dos dispositivos que temos agora mesmo no mercado, e intercambiábel. Ademais, incorpora o chip NFC e capacidade de carga inarámica. 


Software

Como era de agardar, as grandes novidades que aporta Samsung chegan desde a parte software, onde descubrimos novas funcionalidades adicionais a Android 4.2.2 – Jelly Bean, a versión do sistema operativo que incorpora.

Smart Pause / Smart Scroll


Smart Pause e Smart Scroll son dúas novas ferramenta que veñen a complementar o Smart Stay que descubríramos cando saíra o Galaxy S III e que apagaba a pantalla cando non mirabamos para a pantalla. Agora, con Pause, pararase de reproducir un vídeo ao apartar a mirada do móbil, e con Scroll poderemos avazar na lectura (facer scroll) coa vista.

Air Gesture / Air Call Accept

O Air View que xa coñecemos da Galaxy Note, onde ao poñer o lapis sen chegar a tocar a pantalla podemos obter unha previsualización do contido, por exemplo dun albume de fotos, chega agora para poder ser empregado co dedo, sen necesidade de usar o S Pen.

Ligado a isto está Air Call Accept, que permite descolgar o teléfono nunha chamada pasando a man por riba.

S Voice Drive

Mellórase S Voice, o servizo de recoñecemento de voz de Samsung, para engadir funcionalidades orientadas á condución segura, como a lectura de mensaxes de texto ou a xestión de chamadas telefónicas.

O Galaxy S IV Estará dispoñíbel no mes de abril en 155 países e con 327 operadores en 2 cores, branco e negro. O seu prezo rondará os 550 euros.

Que vos parece a vós o novo terminal de Samsung? Credes que cumpre as espectativas xeradas? Védelo como un novo supervendas?

Sobre o autor

Reply