Instabridge: compartir contrasinais de WiFi cos teus amigos nunca foi tan sinxelo

Aínda que as redes móbiles e tarifas de datos teñen mellorado moito nos últimos anos, a dependencia da WiFi aínda é moi grande, ben porque serve para que aforremos datos na nosa tarifa de móbil para cando nos atopemos en verdadeira mobilidade, ben porque podemos ter maiores velocidades.

Pero está o engorro das claves: o típico amigo que che vén a suplicarche que lle tararees a ristra de números, letras e símbolos que tes como clave; o incordio de ter que pedirlle ao camareiro de turno que che traia nunha servilleta o contrasinal para conectarte mentres tomas o café…
Pois se sufrides con esas cousas, Instabridge pode ser a solución aos vosos problemas: trátase dunha aplicación que permite compartir claves de WiFi cos amigos (ou se non nos fiamos dos nosos amigos, só con nós mesmos, evitando meter a clave en todos os dispositivos).


O como funciona é o colmo do sinxelo: eliximos ás amizades coas que queremos compartir as redes sen fíos (pode ser a propia, a do bar, …), ben a través de Facebook, ben a través dos contactos do noso teléfono. Os contactos que teñamos aceptados recibirán os datos (nome da rede e clave) nos seus terminais cada vez que engadamos unha rede nova a través de Instabridge, polo que incoporarán a rede como coñecida e, polo tanto, poderán conectar automaticamente sen ter que perder o tempo seleccionando manualmente a rede sen fíos e metendo o contrasinal.
Así mesmo, se nalgún momento cambia a clave, con tan só mudala na aplicación xa estaría todo feito e, unha vez máis, os nosos contactos recibirían a actualización da mesma.
Ah! E se rompemos relacións, tranquis, non pasa nada: eliminamos á persoa en cuestión e listo 🙂

Nome da aplicación: Instabridge WiFi Client
Prezo: Gratuíta
Requerimentos: Android 2.2 ou superior
Desenvolvedor: Instabridge AB
Descarga: Play Store

Sobre o autor

Reply