Optimus G: o regreso de LG ao sector premium

Onte á tarde asistimos á presentación española do novo terminal de referencia de LG, unha compañía que no último ano estivo máis centrada no público que buscaba un terminal de gama media, sinxelo e económico, e que agora regresa poñendo todas as cartas enriba da mesa co Optimus G.

Este dispositivo  chega para conquistar ao público que busca un terminal premium, falando tanto de características técnicas, de deseño e tamén de funcionalidades hardware.

Unha das maiores innovacións deste terminal é a súa pantalla, onde unha vez máis estamos a falar do pseudoestándar das 4,7 polgadas que se estila nas gamas altas, cunha resolución 1280 x 768 e Gorilla Glass. Sen embargo, o factor máis relevante desta pantalla é a tecnoloxía Zero Gap Touch, que consiste en reducir dúas capas no cristal para conseguir maior brillo e, sobre todo, unha mellor experiencia sensorial.

Tamén se aprecia unha mellora exponencial sobre outros dispositivos da marca na cámara; neste sentido a lente da principal é de 13 megapíxeles, incorporando ademais numerosas funcionalidades software como Time Catch Shot, que saca fotos antes de que pulsemos a tecla de disparo ou Continuous Shot, para poder facer ráfagas.

En canto a autoedición de imaxes, Smart Shutter corrixe as que saen borrosas ou sacadas con movemento, mentres que Noise Reduction reduce o ruído en entornos escuros.

En canto á versión do sistema operativo, o Optimus G sae con Android 4.1 Jelly Bean, actualizábel ás seguintes versións. Neste senso, parece que desde a compañía coreana queren ter unha política de actualizacións máis áxil, para evitar os problemas que houbera coas actualizacións da gama do 2011.

Destaca a presenza de ferramentas de produtividade que incorpora, como Qslide, que transparenta certas aplicacións para poder ver unhas sobre outras (aínda que só serve  para vídeo, navegador, calendario, notas e calculadora) ou Live Zooming e Screen Zooming, dúas ferramentas que permiten ampliar unha zona dun vídeo mentres se reproduce ou certas aplicacións, respectivamente.

Tamén recibe unha actualización a xa coñecida ferramenta Quick Memo, permitindo agora tomar notas mentres se está a manter unha chamada, unha funcionalidade que pode resultar realmente interesante cando nos din algo para anotar.

Aseguran que a autonomía non é un problema neste dispositivo con batería interna de 2100 mAh. Permite 800 ciclos de carga completos antes de comezar a notar unha  perda real de capacidade, o que vén sendo unhas 300 veces máis do habitual.

Do resto de características destaca o seu procesador quad core a 1,5 GHz, os 2 GB de RAM e os 32 GB de memoria interna. Ademais vén coa posibilidade de conectarse ás futuras redes LTE – 4G, aínda que durmida (comentáronnos que no caso de que se habiliten as primeiras redes deste tipo no noso país lanzarán a actualización inmediata para que se poidan usar).

Campaña publicitaria

A comercialización deste terminal vai acompañada dunha potente campaña publicitaria protagonizada por Mario Casas e Macarena García e que fai especial fincapé nas sensacións. Así, céntrase na sensibilidade da súa pantalla e as sensacións ao tacto do seu deseño, xogando co lema Feelphone, un smartphone para ver e sentilo. Deixámosvoso o vídeo:

O Optimus G pódese mercar a través de Vodafone, Orange e Yoigo ou no mercado libre por 599 euros.

Sobre o autor

Reply