O I/O 2013 desde o punto de vista dos desenvolvedores

Neste Google I/O presentáronse moitas novidades de cara aos desenvolvedores, pero todas elas xiran arredor de 4 puntos centrais.

  • Novo IDE chamado Android Studio, baseado en IntelliJ IDEA.
  • Nova versión da librería Google Play Services.
  • Melloras na consola de desenvolvedores.
  • Nova versión da libraría de compatibilidade.
Con respecto a Android Studio, podemos dicir que é o seguinte chanzo lóxico no ecosistema de desenvolvemento para Android, xa que o que fixeron foi coller un gran IDE que xa existe, IntelliJ IDEA e dotarlo de máis funcionalidades relacionadas con Android da que xa tiña.
Entre as melloras que inclúe este IDE con respecto a Eclipse + ADT, as seguintes son as máis salientábeis.
  • Novo sistema de compilación baseado en Gradle: provee xestión de dependencias usando Maven co que engadir unha libraría que está no repositorio oficial será tan doado como engadir unha liña de texto no ficheiro de configuración.
  • Melloras na refactorización e nos atallos: máis integrados no desenvolvemento para android, permítennos ver no editor de Java as cadeas de texto referenciadas a través do índice de recursos.
  • Editor de layouts avanzado: mostra a vista previa do layout mentres o imos modificando, ademais detecta mellor os erros cometidos e indícanos posíbeis solucións nun click.
Nota: a versión que nos atopamos agora mesmo na web de desenvolvedores é a 0.1, co que aínda estamos nunha fase moi inicial do seu desenvolvemento e non se recomenda o seu uso no día a día.
 
No aparado de Google Play Services atopámonos con que se engadiron bastantes servizos que nos axudarán a mellorar as nosas aplicacións e xogos tendo sempre como punto central aos usuarios finais e intentando en todo momento que a súa experiencia de uso sexa a mellor en todo momento.
En canto aos novos servizos que se engadiron están os seguintes:
  • Google Play Games Services: quizais o máis agardado de todos, permítenos dotar dun compoñente social a calquera xogo compartindo os nosos logros e puntuacións no Google+ (o usuario decide con quen os comparte), dotando de sincornización de partidas na nube ou engadindo capacidades multixogador en tempo real aos nosos proxectos dunha forma sinxela.
  • Location APIs: as novas APIs de consulta de posición dun usuario (tanto por 3G/WiFi como por GPS) foron refeeitas para que sexan doadas de usar e que consuman moito menos batería (a máis conservadora non pasa dun 1%/hora de consumo). Xunto a estas APIs, engadiuse tamén a posibibilidade de que o sistema indique a actividade do usuario (parado, camiñando, bicicleta ou vehículo a motor), así como definir zonas que farán de alarma e indicarán ás nosas aplicacións que se entrou ou saiu delas.
  • Google Cloud Messaging: aínda que este servizo xa existía previamente fóra da libraría, mellorárono engadindo un sistema de autorización para o usuario moito máis sinxelo, a posibilidade de crear conexións activas a través de XMPP con comunicación entre o servidor e o dispositivo en ambos sensos e a inclusión de notificacións sincronizadas entre dispositivos (o acceso a estes 2 últimos puntos debe ser solicitado por Google.
En canto ás melloras da consola de desenvolvedores atopámonos con 3 melloras sobre o que xa tiñamos até  de agora:
  • Agora é posíbel distribuír versións beta e alfa directamente a través da Play Store tan só con subir a aplicación a testear e engadindo os emails de aqueles usuarios que queremos que teñan acceso a ditas versións.
  • Engadiuse a posibilidade de contratar servizos profesionais de tradución para que se traduzan os textos das nosas aplicacións a idiomas que indiquemos, os cales serán tarifados dependendo do número de frases e idiomas aos que queramos traducilos.
  • Incluíuse unha sección para ver os ingresos de cada aplicación e no futuro integraranse as estatísticas de Google Analytics dentro da consola directamente.
Por último, pero non por ilo menos importante, atopámonos coa libraría de compatibilidade na que se solucionaron varios bugs da anterior versión e engadíuse unha compoñente que moitos desenvolvedores ansiaban: un panel lateral de navegación! Sobre esta compoñente non hai moito que dicir, tan só comentar que na web oficial indícannos como implementalo correctamente e en que casos debemos usalo.
Como apunte extra sobre a libraría de compatibilidade, nunha das conferencias do evento indicouse que en breve teremos dispoñíbel o uso de ActionBar e do tema Holo en versións anteriores a Honeycomb.
Este artigo é unha colaboración do desenvolvedor Ismael Reyes (@kix2902).

Sobre o autor

Reply