Google+ actualízase para engadir novas funcionalidades, ao tempo que se anuncian melloras en Hangouts

No pasado Google I/O presentóusenos unha revisión da experiencia social do buscador, Google+, cuxa interface sufriu unha completa remodelación. Mais os cambios non quedaron só niso, pois tamén se engadiron novas funcionalidades, moitas delas vencelladas ao mundo da fotografía.
Estes novos cambios chegan agora á aplicación Android cunha nova actualización, cuxos cambios máis destacados teñen que ver precisamente co tema fotográfico. Así, ela mesma organiza os álbumes de fotos seleccionando as mellores imaxes para a portada dos álbumes, ademais de engadir filtros de mellora, que se poden aplicar para un procesado automático.
Outro dos cambios importantes é a incorporación das ubicacións, no que podemos ver a localización dos amigos que teñamos / nos teñan admitidos, de modo que compartamos este dato unicamente cos círculos máis próximos (que sería o máis sensato).
Hangouts
Tamén se incorpora o novo servizo de mensaxería Hangouts, aínda que non se elimina o Messenger (imaxinamos que nunha seguinte actualización).
Falando de Hangouts, onte tamén coñecemos que contará con integración de Google Voice e de chamadas saíntes nunha próxima actualización. Desde Google son conscientes de que sacaron un produto inacabado, pero se levan iso a cabo poderíamos estar falando da gran aplicación de mensaxería.

Sobre o autor

Reply