As novas tablets de Toshiba: a diferenza non é o tamaño

O habitual cando un fabricante presenta conxuntamente varias tablets adoita ser marcar as diferenzas nos tamaños da pantalla. Sen embargo desta vez Toshiba decidiu apostar polas 10 polgadas e levar os cambios ás características técnicas nas súas 3 novas tablets: Excite Pure, Excite Pure Pro e Excite Write.
Toshiba Excite Pure
Cunhas prestacións técnicas máis modestas temos a Excite Pure, un dispositivo pensado como elemento de entrada no mundo das tablets ou para quen vaia facer un uso moderado. A resolución de pantalla é de 1280 x 800 e incorpora un procesador de dobre núcleo, 1 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna ampliábeis por microSD.
Tamén ten dobre cámara, a principal de 3 megapíxeles, e diversas opcións de conectividade, destacando a presenza do porto miniHDMI para opoder duplicar a pantalla nunha televisión, por exemplo.
Rondará os 250 €
Toshiba Excite Pure Pro / Toshiba Excite Write
Un chanzo máis arriba sitúanse a Pure Pro e a Write, que comparten a maior parte das súas características técnicas. A resolución nelas é de 2560 x 1600, incoporan un procesador de 4 núcleos, 2 GB de memoria RAM e 32 Gb de memoria interna ampliábeis por microSD. Tamén a cámara principal vese actualizada até os 8 megapíxeles e ten uns altofalantes estéreo da marca Harman Kardon, vellos coñecidos no mundo do son.

A diferenza sitúase en que a versión Write conta cun stylus integrado, ao máis estilo Galaxy Note, aínda que non sabemos a ciencia certa se incorporando unha suite de aplicacións especiais para sacarlle máis partido.

Tamén hai diferenza nos prezos, estando a Pure Pro arredor dos 420 € e a Write arredor dos 500 €.
Todas elas veñen con Android 4.2 – Jelly Bean de serie, e agárdase que estén dispoñíbeis no mercado cara finais do verán.

Sobre o autor

Reply