A fragmentación en Android en varias visualizacións

A fragmentación é sen lugar a dúbidas o maior problema ao que se enfronta calquera sistema operativo, aínda que, claro está, algúns deles son máis proclives a padecelo. É evidente que contar con poucos modelos, como Apple, reduce a fragmentación (aínda que a hai), mais se falamos de Android, onde temos uns 12.000 aparellos diferentes,cada un co seu tamaño de pantalla, as súas características técnicas e a súa versión de sistema operativo, a cousa cambia, e moito.
Nos últimos tempos temos falado de como esta fragmentación, no que ten a ver co sistema operativo, viuse reducida habendo dous grandes grupos: os terminais con Android 2.3 (Gingerbread) e os que teñen 4.0 ou 4.1/4.2/4.3 (Ice Cream Sandwich / Jelly Bean). Por que estes grupos? Porque son os dous grandes saltos en características técnicas; así, os terminais máis actuais ou con características técnicas máis avanzadas adoitan ter as últimas versións, mentres que os máis modestos quedan en versións que precisan menos recursos.
Mais non nos enganemos, a fragmentación tamén pode ser unha vantaxe, xa que é a que permite que haxa un gran rango de prezos, polo que podemos ter trebellos tremendamente económicos e outros de gran calidade. En definitiva, os usuarios poden ter o terminal que queren: grande ou pequeno, caro ou barato, potente ou non, … e a así múltiples combinacións.
Na web de OpenSignal veñen de publicar diversos gráficos que amosan a fragmentación de diferentes xeitos: dacordo ao dispositivo, por marcas, por versión do sistema operativo e por tamaño de pantalla. Podedes botarlle un ollo nesta ligazón.

Sobre o autor

Reply